Parlamento Galego

BNG critica a inacción do PP na loita contra a violencia machista en Galiza e pide análise dos fallos no sistema Viogén

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas reclama máis compromiso, transparencia e eficacia nas medidas, porque “o machismo non se combate co conformismo”

A portavoz de Igualdade do BNG, Noa Presas, reclamou á Xunta de Rueda o reforzo das políticas contra a violencia machista en Galiza e máis compromiso, transparencia e eficacia nas medidas para atallala porque “o machismo non se combate co conformismo”, alegou.

Reclama unha avaliación da repunta dos casos de feminicidio en Galiza no primeiro semestre do ano e pide unha análise dos fallos no sistema Viogén naqueles casos onde había denuncias previas .

Presas criticou a inacción do Goberno, nun contexto marcado polo asasinato de catro mulleres en Galiza no que vai de ano. “Non son números, son vidas atravesadas pola violencia machista”, subliño, lembrando a Josefa (veciña do Bolo, asasinada polo seu marido), a Maritza (da Coruña, asasinada pola súa parella) a Marisol (de Moraña, atopada calcinada en compañía da súa ex parella, condenada por maltrato e que tiña que estar no cárcere) e a última, o pasado 29 de xullo, Teresa de Jesús (traballadora do SAF do Porriño asasinada por un usuario ao que pedira non atender por unha situación de acoso).

 A responsable de igualdade do BNG recriminoulle á Xunta que “nin desenvolve aspectos vitais da súa lexislación 18 anos despois de aprobala, nin fortalece os servizos específicos, nin impulsa políticas de sensibilización”. Ademais, denunciou que o Goberno galego “sobrecarga aos concellos, privatiza recursos e mesmo eliminou a materia optativa de igualdade nas aulas, mentres apostan polo “control ideolóxico para tapar o feminismo nas aulas”, recriminou.

Afeou especialmente a actitude dunha Xunta do PP que “cando ten que escoller entre poñerse de lado das mulleres que denuncian ou do lado de acusados que pertencen ao Partido Popular ou ao Consello da Xunta, escolle vitimizar e cuestionar as mulleres.” Reprobou así mesmo, que o Executivo de Rueda “amparase catro meses un acusado de agresión sexual” e que aínda a día de hoxe “non aclarou como se filtraron os datos da vítima”. “Están vostedes para dar leccións” espetou Presas cando o PP intentaba acusar o BNG de machista na súa quenda de interención.

Presas referiuse tamén ao último informe do Consello de Contas, que cualificou de “demoledor” ao revelar carencias como a falta de datos e medición das políticas públicas, os recortes de persoal nos servizos de violencia, así como un investimento en sensibilización “reducido ao 3% das accións da Xunta -que o BNG considera “absolutamente insuficiente”-. “Porque vostedes non cren na sensibilización”, apuntou. Sinala ademais a privatización da rede de acollemento, no que “só o Centro de Emerxencias para Vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI) é público”, lamentou.

As propostas do BNG

Presas lembrou que, segundo os últimos datos do Ministerio, en Galiza rexístranse 6.231 casos activos no sistema Viogén, unha cifra equivalente á poboación conxunta de concellos como Outes ou Carral. Se se suman os casos activos e inactivos, o total supera os 41.000 casos, o que supón unha realidade tan dura como a poboación enteira de Ames e Brión. Para elas e para as súas familias, Presas trasladou a solidariedade do BNG e o compromiso con “seguir traballando por un mundo no que sexamos libres e vivas”.

É por iso que, na moción, que foi rexeitada polo PP, o Bloque formula unha batería de medidas co obxectivo de mellorar a atención ás vítimas e reforzar o sistema galego de loita contra a violencia machista.

En primeiro lugar, o BNG reclama unha avaliación da repunta de feminicidios e intentos de feminicidio en Galiza no primeiro semestre de 2025, especialmente nos casos nos que a vítima xa acudira ao sistema, para ver “que puido fallar nesa cadea de custodia deses asasinatos que houbo antes e despois da última revisión do VIogén e que denotan fallos no sistema”.

Tamén pide a publicación dos datos reais dos centros de crise 24 horas, que a Xunta oculta. “Que tanto medo teñen a que vexamos que non están sendo útiles eses centros para as mulleres que vostedes decidiron privatizar? Que ocultan?”, preguntou Presas dirixíndose ás bancadas do PP.

O Bloque esixe tamén a creación dunha axuda específica para vítimas de violencia sexual en Galiza a partir de 2026. Presas acusou neste punto, que tamén rexeitou co seu voto en contra o PP, de “estar tan inmbuídos pola extrema dereita e tan absorbidos pola estratexia do Señor Feijóo contra a ‘Lei do Si es Si’ , que non queren en realidade que exista esa axuda para vítimas de violencia sexual en Galiza”, espetou.

Na moción demandábase así mesmo garantir a investigación de oficio ante calquera filtración da identidade dunha vítima.

“Hai que facer máis e facelo mellor. As leis hai que desenvolvelas, as medidas hai que revisalas e a marxe de mellora é enorme”, requiriu. “Querémonos vivas e libres, e o machismo non se combate con conformismo”, rematou, lembrándolle ao PP que están votando en contra unha vez máis de poñerse do lado das mulleres galegas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG