A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, criticou a falta dun plan para a Atención Primaria e acusou o conselleiro de Sanidade de acudir ao Pleno con “anuncios en diferido que logo non concreta”. “Unha auténtica burla aos profesionais”, subliñou.
“Vostedes consideran que a Atención Primaria é unha cousa de andar por casa, de chegar alí atender doentes como se estivesen colocando ladrillos ou apertando tornillos”, sen a mínima estabilidade, sen o tempo necesario para realizar unha consulta e coa consideración de que “calquera pode facer ese traballo sen especialidade”, expresou.
Un “demérito total” por parte do PP que está causando que os galegos e galegas teñan cada vez “menos crédito” na Atención Primaria, na que o Goberno de Rueda recortou arredor de 1.700 millóns de euros, situándoa á cola do Estado español en investimento, só superada por Madrid. Por iso, o pasado 1 de febreiro, “manifestouse a dignidade dun pobo fronte á indignidade dun goberno que ten como traballo fundamental roubarlle o dereito a unha atención sanitaria digna e de calidade”, recalcou.
A deputada nacionalista atribuíu a responsabilidade absoluta da situación de “excepcionalidade permanente” da Atención Primaria ao Goberno do PP porque non é quen de planificar os e as profesionais que se precisan tanto para Urxencias como para Atención Primaria. “As competencias están aquí, que non todo se ten que solucionar en Madrid”, recordou, afeándolle ao Executivo de Rueda que “devalúe a escasa capacidade de autogoberno que temos en Galiza”.
Acusou o conselleiro de “retorcer a realidade” das condicións laborais dos e das profesionais, porque pretende “coar” como fixo o persoal contratado, lembrándolle que a media de temporais é do 48%. Tamén lle recriminou que veña agora presumir en 2026 de recoñecerlle dereitos como o de que lle vai pagar os festivos cando é algo que o PP lle ten conxelados desde 2010 acordos asinados en 2007.
Prado tamén lle criticou que veña anunciar na mesa sectorial a creación de dous grupos de traballo para analizar a situación do persoal e outro para analizar a prolongación e intersubstitución, o que significa que “o persoal faga máis traballo cos mesmos profesionais”. “Vostedes pretenden cubrir todos os cupos ausentes sen profesional, ademais da creación de técnicos de saúde”, o que significa ter profesionais licenciados en Medicina “sen especialidade en medicina de familia”, apuntou.
Datos que matan o relato do conselleiro
Montse Prado lamentou que o Goberno de Rueda, co seu desprestixio á Atención Primaria, está conseguindo que, dos 91 MIR que remataron en 2025 a formación de Familia Comunitaria, 60 decidan non quedar nesta especialidade (o 65%). “Marcharon espavorecidos polo menosprezo permanente e inconmesurable do PP á Atención Primaria. É un auténtico drama”, expresou.
Criticou ademais que o PP non faga absolutamente nada por planificar a remuda xeracional no Sergas, cando o 53,43% dos profesionais licenciados supera os 50 anos. Afeoulle, así mesmo, que escondan o número de prazas que lle solicitan ao Ministerio e cantas son finalmente denegadas, porque na realidade “non lle denegan ningunha”, esgrimiu.
En canto ás prazas de Psicoloxía en Atención Primaria, Prado sinalou que “o único anuncio contemplado nos orzamentos de 2026 é que van ter 21 psicólogos, é dicir, un por cada 20 centros de saúde, pero só hai sete”, lamentou. Criticou que nada se sabe do Plan para a Saúde Mental anunciado hai un ano, mentres as listas de espera para a primeira consulta psiquiátrica era de 7.953 persoas en xuño de 2025.
Así mesmo, recordou que a Atención Primaria conta co menor número de prazas de persoal médico dos últimos 15 anos e que, segundo os datos do Barómetro Sanitario que publica o Ministerio, a media de espera para ser atendido por un médico de familia é de 8 días, chegando a semanas e mesmo a un mes en moitos centros. O 20% dos e das doentes afirman que non conseguiron data en Atención Primaria e o 38% deles recoñeceron que acabaron en Urxencias por ese motivo, explicou.
A deputada nacionalista advertiu neste punto do aumento continuado das persoas que acoden á sanidade privada, que recibiu 16 millóns de euros máis dos orzamentos da Xunta para este ano, pasando de case 246 M€ a 261. “Mentres, quitan recursos á sanidade pública”, recriminou.
Nun contexto no que 360.000 persoas están en lista de espera para a atención hospitalaria e con saturación permanente dos servizos de Urxencias, Prado rematou reclamándolle ao conselleiro que acepte a realidade e incorpore especialidades imprescindibles en Atención Primaria. “Contraten todos os seus profesionais para equipos multidisciplinares, coiden o persoal na vez de expulsalo e deixen de desprestixiar a Atención Primaria, que é o auténtico eixo vertebrador que atende entre o 80 e o 90% dos procesos da saúde”, aseverou.
O BNG solicita información sobre as medidas adoptadas no pico invernal
Na mesma sesión plenaria, o BNG defendeu unha moción reclamando información sobre as medidas que adoptou o Goberno galego durante o pico invernal que colapsou os servizos de Urxencias en Galiza. A deputada Montse Prado preguntou polos recursos humanos contratados para reforzar a asistencia, tanto en hospitais como en Atención Primaira cantos PACs realizaron atención cos equipos completos, e cantas incidencias se produciron por descubertos nos mesmos. Tamén quixo saber cal foi a espera media para recibir atención e cantas persoas agardaron para ser ingresados en planta ou cantas volveron acudir aos servizos de urxencias .
Por último, na moción do BNG tamén se pedía información sobre o tempo medio en “abrir” camas de hospitalización pechadas, sobre canto persoal foi contratado para este fin, sobre o número de doentes derivados a hospitais privados durante a duración do Plan de inverno e sobre a causa da derivación, con hospitais de orixe e de destino.
O PP, co anuncio do seu voto en contra, negouse a facilitar esta información.