CONGRESO

O BNG critica a confiscación de fondos municipais por parte do Estado español

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego salientou que deben ser os concellos os que dispoñan dos seus recursos para os fins que mellor consideren segundo as urxencias de cada municipio.

O deputado nacionalista criticou que nunha situación de emerxencia, na que é necesario atender as necesidades sociais e desenvolver programas que reactiven a economía local, o Estado central pretenda quedar cos cartos das entidades locais.

O BNG considera inaceptábel que o Goberno do Estado pretenda confiscar os 890 millóns de euros de remanente e superávit dos que dispoñen os concellos e as deputacións deixando sen estes recursos ás administracións locais.

O BNG critica a confiscación de fondos municipais por parte do Estado español

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de presentar unha Proposición non de Lei para a derrogación da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financieira, coñecida como Lei Montoro. O BNG demandou que se permita aos municipios utilizar os remanentes e superávit, así como ampliar a capacidade de endebedamento das Administracións locais para afrontar gastos. “Ante a situación de crise económica e social dos últimos meses, os concellos demandan de forma urxente poder utilizar os remanentes acumulados en contas bancarias, sen que con iso se incumpra a regra de gasto” salientou Rego.

Unha demanda que xa fora reiterada en varias ocasións, incluso antes da crise da COVID-19, polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que instaba de forma urxente á flexibilización na utilización do remanente e superávit a calquera tipo de investimento que redunde en beneficio da comunidade, estendendo o ámbito temporal de aplicación e que se considerara a posibilidade de poder aplicar parte do mesmo en gasto corrente.

O BNG considera inaceptábel que o Goberno do Estado pretenda confiscar os 890 millóns de euros de remanente e superávit dos que dispoñen os concellos e as deputacións deixando sen estes recursos ás administracións locais e polo tanto, penalizando a aqueles concellos que mellor xestionaron as súas contas e teñen remanentes.

O deputado do BNG salientou que “non se poden repetir os erros que se cometeron na crise de 2008, nin pode haber unha incautación de fondos a uns concellos que teñen unha situación moi saneada e que están totalmente lexitimados a poder destinar eses cartos aforrados a reactivación económica, a financiar servizos ou as prioridades que se estimen en cada caso”.

Néstor Rego explicou que “con esta proposta, o Goberno non só está ignorando as necesidades municipais, senón que tamén obvia as conclusións fixadas no Ditame da Comisión de Reconstrución e que o Congreso acaba de aprobar, onde se estabelece a necesidade de flexibilizar a Lei de Estabilidade e da regra de gasto para que os concello podan usar os remanentes e superávit”.

O BNG rexeita o argumento que trasladan desde o Ministerio, que xustifica esta manobra amparándose nas previsións da Lei de Estabilidade Financieira, alegando a imposibilidade de incumprir o seu contido e que deste modo non lle computará ás distintas entidades locais como déficit, cando a propia Comisión Europea acordou flexibilizar a limitación de endebedamento dos Estados para facer fronte á crise da COVID-19. Rego criticou que a única administración que vai a poder beneficiarse desta previsión é a Administración Xeral do Estado, mentres que as Entidades Locais non poderán facelo, a pesar de supor no caso da Galiza, un 0,3% do PIB galego e estar o límite en 3%.

 

O BNG critica a confiscación de fondos municipais por parte do Estado español