O BNG oponse á incautación dos remanentes dos concellos por parte do Goberno central

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Reclama a derrogación da Lei Montoro, que impide o uso de fondos económicos propios para necesidades urxentes dos concellos

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou unha iniciativa para levar ao próximo Pleno para instar a derrogación da Lei Montoro no Congreso ao considerar “un escándalo a incautación de fondos a maneira de préstamo que o Goberno de España pretende acordar coa Federación Española de Municipios e Provincias”.

Como é sabido, a Lei Orgánica 2/2012 de 27 de abril, de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, coñecida como Lei Montoro, impide que concellos poidan gastar os seus remanentes, o diñeiro que non se investiu no propio ano, en novos investimentos. Tras a crise da covid, o Estado, en vez de facer unha excepción e facilitar que eses remanentes poidan utilizarse para combater a crise económica derivada desta situación especial, decide facerse cos fondos dos remanentes de todos os concellos, entre eles, os galegos claramente discriminados e infradotados economicamente, explicou a portavoz do BNG.

A obrigatoriedade de facer achegas con carácter de préstamo ao Estado non pode revestirse de voluntariedade porque o marco normativo actual impide outro uso para eses fondos agás destinalos a amortizar débeda bancaria. A devolución prevista con este acordo dun 35% dos fondos incautados ao longo de dous anos vai estar tamén condicionada a determinados usos marcados pola Administración central, “que continúa a considerar os concellos non como entidades autónomas, maduras e coñecedoras das necesidades da súa veciñanza”.

O resto dos fondos absorbidos pola Administración xeral do Estado que en realidade pertencen a veciñas e veciños serán devoltos polo Estado nun prazo de 10 anos a partir de 2022. Isto é, en período de crise a veciñanza do concello de Santiago non vai poder contar con recursos económicos que nestes momentos están nas arcas municipais o que vai supor un recorte nas prestacións e investimentos na localidade.

Por estes motivos, o BNG considera inadmisíbel esta proposta e agarda que o conxunto da Corporación se manifeste no mesmo sentido.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG