O BNG, cos traballadores de Alcoa en Viveiro

O BNG tivo unha moi destacada  presenza de militantes e de cargos institucionais e orgánicos -a comezar pola do portavoz nacional, Guillerme Vázquez- na masiva manifestación que este venres se realizou en Viveiro a favor do mantimento dos postos de traballo e da continuidade da factoría de Alcoa en San Cibrao.

Guilllerme Vázquez acusou á dirección de Alcoa de utilizar a “coartada” da tarifa eléctrica para xustificar a deslocalización dos seus centros produtivos e o recorte dos cadros de persoal.

Guillerme pronunciouse nestes termos durante o breve encontro que mantivo cos meios de comunicación antes de dar comezo á manifestación. Para o portavoz nacional, resulta unha “evidencia” que sen política industrial, sen apoio á economía produtiva, “non temos ningunha posibilidade de saírmos da crise e de irmos cara un novo modelo de economía, máis social, máis sustentábel e con futuro para Galiza”.

Guillerme criticou á Xunta de Galiza por “carecer absolutamente de política industrial” e por non ter feito “nada relevante” para garantir a continuidade de Alcoa e o mantimento dos postos de traballo.

Alcoa utiliza a tarifa eléctrica como coartada para preparar a deslocalización e o recorte do cadro de persoal

Todo o máis que sabemos do conselleiro de Industria é que el mesmo ten industrias en Portugal. Algo verdadeiramente esperpéntico”, dixo, antes de relembrar a súa nefasta xestión “tanto no sector eólico, co concurso absolutamente paralisado, como no naval, cos problemas verdadeiramente estratéxicos -o tax lease, o veto a Astano- sen seren abordados con seriedade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG