O BNG convoca unha asemblea aberta de cargos públicos e concellos contra a estafa das peaxes da AP-9

Ana Pontón lamenta que Feijóo opte “por collerse de ganchete” do ministro en lugar de defender @s galeg@s, e rexeita as subidas “en diferido”

Remite unha carta aberta ao presidente do Grupo Itínere en réplica as súas “frívolas e irrespectuosas” declaracións

O BNG non tira a toalla en relación a estafa legalizada das peaxes e, en vista á posición de subordinación do PP, considera que e necesario incrementar a presión política e social para frear a subida das tarifas e desbloquear a transferencia da AP9.

Para iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou a convocatoria dunha asemblea aberta de cargos públicos que se celebrará no concello de Pontevedra o 27 de decembro para congregar a responsables políticos locais e municipais, do Parlamento, Deputacións e concellos afectados e mandarlle unha mensaxe clara ao PP: “Galiza non está para seguir engordando os beneficios de AUDASA”, indicou.

Esta asemblea é aberta e con vocación de sumar, e a propia Pontón así llo trasladou previamente aos responsables políticos de En Marea e PSdeG, Luís Villares e Gonzalo Caballero, “porque queremos sumar forzas para frear este novo abuso contra os galegos e galegas”. Con tres reivindicación concretas: Substituír o incremento das peaxes de 2018 por descontos e bonificacións, levantar o veto á transferencia e demandar que AUDASA ou o Estado asuman o custe das obras de ampliación.

“AUDASA obtivo un beneficio de 45M€, a nova suba das peaxes supón 5M€ máis a costa do peto dos e das usuarias, é tan sinxelo como que en lugar de 45 sexa 40 M€ de beneficios. Non creo que ninguén na dirección da concesionaria quede se comer o turrón por iso”, indicou Pontón.

A dirixente do Bloque foi moi crítica coa submisión do presidente da Xunta que volveu evidenciarse na visita do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. “Feijóo preferiu collerse do ganchete do ministro antes que defender os intereses dos e das galegas”, denunciou, “é cómplice do aumento dunhas peaxes que xa supoñen unha estafa”. A portavoz nacional tamén rexeitou o incremento progresivo das tarifas: “Non estamos polas subidas en diferido, por moito que o PP sexa partidario de esa modalidade para os seus traballadores”, ironizou e salientou que as peaxes da AP9 subiron un 36% nos últimos sete anos, fronte ao 9% do incremento do IPC.

Chulería de AUDASA

A dirixente do BNG tamén fixo referencia ás declaracións do presidente do Grupo Itínere, Pedro Pérez, en relación á AP9 en Nueva Economía Forum, cualificando de “ruído” as protestas polas peaxes e minimizou os accidentes laborais nas obras de ampliación.

“As críticas ás peaxes non son ruído senón un serio problema para as modestas economías de moitas familias, dos e das traballadoras, un imposto á circulación que converte a AP9 nun artigo de luxo para a maioría e un lastre para a competitividade das PEMES”, indicou, ao tempo que instaba a Pérez a apoiar a transferencia da autoestrada a Galiza, xa que é unha cuestión que lle resulta indiferente.

“Podo asegurarlle que non se permitirían unhas peaxes desorbitadas, nin a supresión de emprego, nin que se manteñan as barreiras pechadas mentres miles de usuarias sofren colas quilométricas. Anímoo a solicitar a transferencia a Galiza para comprobar como poden mudar as circunstancias”, alegou, ao tempo que tamén expresaba o seu “estupor” pola explicación dada á sinistralidade laboral nas obras que cualificou de “exotismo”.

Lembra que as condicións de traballo foron denunciadas por ilegais, e advertiu contra a “recepción precipitada das obras” de ampliación. “A prioridade debe ser a seguridade e non garantir subidas a AUDASA”, concluíu, solicitando Pérez rectifique unhas declaracións frívolas e irrespectuosas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG