O Bloque Nacionalista Galego continúa a dar voz ás reivindicacións sociais e laborais da clase traballadora galega nas institucións estatais. Neste marco, o BNG convida a Confederación Intersindical Galega (CIG) a comparecer no Senado para defender a pluralidade sindical e a necesidade de conquistar máis dereitos para a clase traballadora: redución da xornada laboral ou a inclusión, tal e como contempla a lei, dos sindicatos maioritarios das nacións do Estado no diálogo social.
Durante a intervención a cargo de Francisco González Sío, Secretario Confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, denunciouse o medre da precariedade laboral chegando a cualificalo como a “institucionalización da precariedade e a pobreza”.
Para reverter esta situación, tanto a senadora do BNG como o secretario confederal de emprego da CIG, coinciden na necesidade de avanzar na conquista de dereitos para a clase traballadora e cumprir coa lexislación vixente.
“Tanto o BNG como a central sindical apostamos por unha xornada de 35 horas semanais, como primeiro chanzo para camiñar cara ás 32 horas e catro días laborais por semana” sinala a senadora do BNG, Carme da Silva. De facto, lembra a senadora do BNG, ambas organizacións nacionalista presentaron unha Proposición de Lei no Congreso para a súa toma en consideración.
Ademais, a comparecencia do representante da CIG serviu para poñer o foco na exclusión e discriminación institucional que sofre a CIG, malia contar, por Lei, coa condición de sindicato máis representativo no Estado español. Esta situación vulnera dereitos fundamentais e implica un incumprimento por parte do Goberno do Estado da Lei orgánica de liberdade sindical que se ten producido coa expulsión da Comisión do Fondo de reserva da Seguridade Social ou o intento de quitarlle a CIG o dereito de realizar reclamacións colectivas diante do Consello Europea de Dereitos Sociais, como foi o caso do SMI aplicábel no Estado español.
Para o BNG, esta comparecencia representa un paso máis no seu compromiso de levar a Axenda Galega ás institucións onde teñen representación. “A CIG é o sindicato maioritario na Galiza e conta -por lei- coa consideración de ´sindicato máis representativo` no conxunto do Estado. O Goberno central debe deixar de negarlle o espazo que lle corresponde” sinala a senadora do BNG