O BNG, contrario ao envio de tropas españolas a Ucraína, tal como anunciou Rajoy

Diante da gravísima situación que se está a producir na Ucraína, a Executiva Nacional do BNG quere facer pública a súa posición, fundamentada nos seguintes aspectos:

1. A xénese do conflito ten a ver co intento norteamericano de facer prevalecer os seus intereses económicos e comerciais, políticos e xeoestratéxicos naquela zona do planeta. O golpe de estado perpetrado en febreiro deste mesmo ano, derrocando ao goberno lexítimo, e que contou co aplauso e o apoio activo da UE e dos Estados Unidos, perseguía xustamente iso: afianzar o dominio económico e comercial (só cinco meses despois asinábase o acordo de asociación comercial UE-Ucraína), e situar á OTAN directamente na fronteira de Rusia.

2. O BNG, como organización nacionalista e anti-imperialista, declárase defensora dos principios de soberanía dos pobos e de non inxerencia nos seus asuntos internos. En consecuencia, denunciamos a actitude servil do Goberno español e da Unión Europea, instalados claramente ao servizo dos intereses económicos e xeoestratéxicos dos Estados Unidos na zona. Esta dinámica até provoca impacto económico en sectores produtivos do noso país, que padecen inxustamente as consecuencias da decisión de boicote comercial a Rusia.

3. O BNG manifesta a súa máis rotunda oposición ao envío de tropas españolas -inicialmente unha fragata e catro avións de combate- baixo control da OTAN á zona de conflito, exixe o cese inmediato das hostilidades, e demanda a apertura dun proceso negociador baixo as premisas da non inxerencia e do respecto á soberanía dos pobos. Estas bases serán defendidas polo BNG no Congreso dos Deputados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG