parlamento galego

BNG considera vergoñentas as medidas de Rueda pola guerra: nin axudan a xente nin os sectores máis prexudicados

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil tacha de “indecente” que a “grande medida no medio dun conflito bélico” sexa promocionar Galiza como “refuxio turístico de tranquilidade”

O Bloque defenderá no Debate do Estado da Nación a súa alternativa a un goberno de Rueda que sofre o ‘síndrome de Monte Pío’ e non dá solucións

O BNG encara a celebración a vindeira semana do Debate do Estado da Nación como “unha oportunidade para poñer o goberno do Partido Popular diante do espello” e tamén para que a cidadanía do País vexa a alternativa que ten o nacionalismo galego para “sacar adiante o País” da man das galegas e os galegos.

Así o adiantou a viceportavoz do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, para quen cada día é máis evidente que “o estilo Rueda é pura propaganda” e que, tal e como volverá facerse ver no Debate de Política Xeral, o seu goberno non ten “nin unha soa proposta para resolver os problemas dos galegos e das galegas”. 

Como “exemplo perfecto dese desidia”, que cualificou como “síndrome de Monte Pío”, a deputada nacionalista referiuse ao paquete de medidas aprobado polo Consello da Xunta para atallar o impacto económico da guerra en Irán. Un plan co que o Goberno do PP, “coma sempre, chega tarde, mal e arrastro” e que, ademais, inclúe propostas que son “unha absoluta vergoña”. 

Argumentou, neste sentido, que nin hai medidas excepcionais —a práctica totalidade son rutina e programa que xa existen— nin vai axudar á poboación máis vulnerable nin aos sectores económicos máis afectados economicamente pola guerra ilegal do tándem Trump-Netanyahu. 

Como mostra disto, denunciou que o Goberno de Rueda non aprobou “nin unha soa medida” para axudar o sector primario do País, o agrario e o pesqueiro, que está a sufrir especialmente os efectos do conflito bélico, cuns prezos nos carburantes que “lle fai inviable saír traballar”. “Hai mariñeiros neste país aos que non lles dá o que cobran do peixe para poder prender o motor do barco”, advertiu. 

Comprar tractores ou cambiar a refrixeración no porto

“Que propón Rueda para axudar a un gandeiro galego? Que compre outro tractor. E para un mariñeiro? Cambiar o sistema de refrixerado no porto? E a todas as galegas e galegos? Que modifiquemos a eficiencia enerxética das estacións de autobuses”, declarou Rodil na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, na que contrapuxo o plan do PP, que non dá “nin un euro” ao sector pesqueiro e agrogandeiro, á alternativa que o BNG defendeu no último pleno, con axudas directas a estes sectores, levantamento de peaxes nas autoestradas da Xunta para axudar o transporte ou, entre outras, duplicar o complemento autonómico para as pensións non contributivas. 

Rodil denunciou que, na vez propostas para axudar de verdade á xente, o PP aprobe un plan no que a “grande medida no medio dunha guerra que non acaban de condenar” sexa promocionar o País como destino turístico, dixo en alusión á partida de 5 M€ para vender Galiza “como refuxio de tranquilidade fronte á masificación doutros destinos mediterráneos”, tal e como especificou a propia Xunta. 

“Están matando xente en Irán, no Libano e en Palestina e a grande proposta do Goberno de Rueda e do PP e ‘!converter a crise xeopolítica actual nunha oportunidade de mercado’”. “É indignante, é inhumano e é indecente”, considerou, para engadir que “sería un mal chiste se non estivésemos falando da vida de millóns de persoas, dos que están matando en Oriente Medio e tamén das persoas traballadoras galegas que pagan as consecuencias da guerra”. 

Galiza é unha potencia que hai que poñer en marcha.

A viceportavoz do grupo nacionalista destacou, neste punto, que o contexto internacional, xunto ao empobrecemento das maiorías sociais e os “enormes retrocesos democráticos que estamos vendo” van marcar, precisamente, a celebración a vindeira semana do Debate do Estado da Nación, que o BNG vai aproveitar para deixar en evidencia que o Goberno de Rueda “non está á altura” do País nun momento histórico como o que estamos a vivir. 

Un Goberno que, salientou, non ofrece propostas nin ten ideas para resolver os problemas das galegas e dos galegos e que, diante dos grandes retos que afronta o País, “o único que fai é xogar ao escapismo e ver a quen lle pode botar a culpa”.

Fronte á falta de proxecto do PP, o BNG defenderá no Debate de Política Xeral o seu traballo como “goberno na sombra”, cunha alternativa para “sacar adiante este País e “poñelo no lugar que se merece collendo da man as galegas e os galegos”. 

“No BNG facemos todas as propostas e encaramos cada Debate do Estado da Nación coa premisa fundamental que nos guía sempre, que é o amor que lle temos a este País, pero tamén co profundo convencemento de que temos todo para gañar”, afirmou, para recalcar que o grupo nacionalista encara a cita da vindeira semana co claro obxectivo de “poñer esa potencia que é Galiza en marcha”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG