Parlamento Galego

BNG considera racismo e maltrato que o PP deixe sen especialistas o hospital de referencia en Valdeorras

Secundino Fernández
Secundino Fernández
Secundino Fernández: “Se con 5.500 M € que manexa a Consellería non son quen de conseguir facultativos, son inútiles e teñen que marchar”

O deputado do BNG, Secundino Fernández denunciou na Comisión 5ª o "desprezo” e “abandono absoluto" á poboación do distrito Sanitario de Valdeorras e a “nefasta xestión” da Xunta de Rueda ante “situación límite” na que se encontra o Hospital Público do distrito trala marcha de 16  médicos especialistas sen que a día de hoxe fosen substituídos.

Cualificou de “racista por cuestión de orixe” o trato discriminatorio que o PP está a practicar coa veciñanza desta comarca ourensá e afirmou que “nos  parece realmente vergoñento que a Xunta do PP deixe ao hospital de referencia especialistas. Trátannos coma persoas de segunda categoría”, recriminou.

Fernández recordou que a iniciativa do BNG, que reclamaba a cobertura inmediata das prazas de especialistas vacantes no Hospital Público do Barco de Valdeorras, foi presentada no pasado mes de decembro e, segundo denunciou "dende aquela os representantes da Consellería de Sanidade nin sequera contestaron ás preguntas formuladas".

Esta falta de resposta, afirma, "é unha mostra indignante do desprezo do Goberno do PP ao Parlamento e ás persoas representadas nel". Unha vez máis, o PP dixo non á cobertura das 16 prazas, votando en contra da demanda do BNG e do clamor social da veciñanza que se vén manifestando “día si e día tamén” por unha sanidade pública de calidade e unha asistencia sanitaria no hospital público de Valdeorras, que dá servizo a preto de 30.000 persoas repartidas por 12 concellos, cun 35% da poboación maior de 65 anos. “Falamos dunha comarca illada, con graves problemas de comunicación e distancias que chegan aos 50 km entre moitos concellos e o hospital”, indicou.

Neste contexto, o deputado nacionalista puxo en cuestión a "falsa solución" da Xunta de derivar pacientes a Ourense: "Estamos falando de máis de hora e media de estrada pola N-120, con risco, custo e perda de tempo para pacientes que necesitan atención urxente e de calidade".

Fuga de profesionais e precariedade asistencial

Secundino Fernández advertiu que a situación sanitaria en Valdeorras é “a peor de toda Galiza”, destacando a marcha de 16 facultativos ao abeiro dun procedemento de traslados. "A Consellería recoñeceu publicamente que 10 xa deixaron de prestar servizo, 5 están pendentes de cesamento e un está de baixa, pero en ningún momento explicou como vai cubrir esas baixas nin que medidas pensa tomar para frear a fuga continua de profesionais", denunciou.

Neste contexto, considerou o concurso-oposición convocado en maio con 18 prazas como "insuficiente e pouco claro", xa que non se especifica se cobren prazas vacantes ou substitúen persoal interino.

Listas de espera récord e discriminación sanitaria

O deputado argumentou a “discrimación” sanitaria á que o PP somete a comarca achegando datos oficiais do Sergas de decembro de 2024 para evidenciar o colapso nas listas de espera. Segundo indicou, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco ten a media máis alta de Galiza en espera para consulta de especialista (86,2 días), cunha espera de 112,9 días —case catro meses— só no distrito hospital público de Valdeorras, “batendo todos os récords deste País”, lamentou.

En probas diagnósticas, o tempo medio é de 114,3 días, con máis de 1.500 persoas en lista de espera, e 3.068 agardando por consulta médica. “Iso sempre que esas especialistas e esas probas se fagan no distrito, se non , derívannos a Ourense”, matizou.

Tamén denunciou a falta de especialistas en áreas críticas como pneumoloxía (tendo un 60% de afectados por silicose de Galiza) e pediatría, e o feito de que mulleres da comarca deban desprazarse a Ourense para realizar mamografías, unha situación que cualificou de “discriminación de xénero e abandono institucional”.

“Estes datos son unha demostración do maltrato a esta comarca, da nefasta xestión da Consellería”, incidiu Fernández, acusando os responsables da Xunta de ser ou ben "uns inútiles por non conseguir especialistas tendo un orzamento de 5.500 millóns para a Consellería de Sanidade, ou ben, “se poden facelo e non queren, que é o que están facendo, entón marchen para a súa casa e deixen que outros resolvan os problemas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG