BNG considera intolerábeis as amezas veladas de Ethel Vázquez á alcaldesa de Tomiño por criticar a lei da auga

Luís Bará - pleno ence
Luís Bará - pleno ence

Luís Bará anuncia iniciativas parlamentarias ao fin de coñecer se a conselleira enviou a carta a outros concellos ou só aos críticos coa nova lei que multiplicará por tres os impostos da auga

O BNG pide a retirada do anteproxecto de Lei da Auga e abrir un proceso integral e consensuado

BNG considera intolerábeis as amezas veladas de Ethel Vázquez á alcaldesa de Tomiño por criticar a lei da auga

 

Santiago de Compostela, 24 de setembro, 2021. O portavoz de Infraestruturas e Medio Ambiente do BNG, Luís Bará cualifica de “intolerábel” que a conselleira, Ethel Vázquez remita unha carta “chantaxista e macarra” á alcaldesa de Tomiño, tras as críticas da nacionalista ao anteproxecto de lei da auga.

O parlamentario explica que tras a carta enviada á alcaldesa nacionalista, Sandra González coa ameaza de traspasar a Tomiño a xestión da EDAR, unha estación depuradora construída e xestionada pola Xunta desde o seu inicio, o BNG preguntará no Parlamento galego se a conselleira enviou unha carta coma esta a outros concellos cunha situación semellante (hai 28 depuradoras xestionadas pola Xunta) ou “se a advertencia só é para quen ousa criticar ao goberno galego”.

Bará afirma que o BNG “non se vai deixar amedrentar” polo proceder da conselleira, nin aceptar “unha lei do silencio, con ameazas veladas a representantes públicas que ousan criticala”.

O BNG vai seguir adiante coa crítica a un proxecto de lei que ten unha finalidade recadatoria e que vai supoñer a multiplicación por tres dos impostos da auga (incluíndo un por depuración de auga da chuvia), ademais de  obrigar aos concellos a facer investimentos que comprometen a súa estabilidade financeira. Neste sentido, avanza que “desenvolveremos unha intensa campaña en todo o territorio galego, con mocións nos  concellos e deputacións e iniciativas no parlamento galego”.

Por outra parte, recalca que a situación actual do abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais é maiormente “responsabilidade da Xunta, que non fixo os deberes durante 20 anos e agora pretende pasarlle a pataca quente a concellos e deputacións”. Durante todo este tempo, engade o nacionalista, a Xunta desenvolveu unha política de “construción de infraestruturas clientelar e equivocada”. Clientelar porque distribuíu os orzamentos con criterios partidistas, e equivocada porque fomentou a construción de infraestruturas que non se axustan ás características de Galiza.

Ademais, este modelo con carencias e deficiencias nas redes e depuradoras, non só municipais senón tamén as xestionadas pola Xunta foron declaradas de interese xeral.

Augas de Galicia incumpriu a obriga, establecida na lei de augas de 2010, de aprobar os plans galegos de abastecemento e saneamento, instrumentos de planificación xeral que permitirían coñecer o estado actual das infraestruturas e determinar os criterios e liñas de actuación para o futuro. Unha cuestión, firma o deputado, previa á aprobación dunha lei como á que  se está a tramitar.

O BNG pide a retirada do anteproxecto de lei e abrir un proceso integral e consensuado

O goberno galego tampouco foi quen de levar adiante o Pacto Local da Auga, que debería establecer unha mesma estrutura tarifaría para todo o territorio galego e uns criterios claros para o reparto dos investimentos das administracións polo que insistiu en que o anteproxecto de lei debe ser retirado porque representa “un atraco da auga”.

É necesario abrir un proceso de diálogo e planificación que permita sentar as bases dun novo modelo, verdadeiramente integral e consensuado, para a xestión da auga en Galiza.

 

 

BNG considera intolerábeis as amezas veladas de Ethel Vázquez á alcaldesa de Tomiño por criticar a lei da auga