BNG considera gravísimas as declaracións de Margarita Robles no Congreso

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego considera que, após recoñecer de facto a espionaxe ilegal a dirixentes políticos de forzas legais, a Ministra de Defensa debe ser cesada ou demitir

O BNG considera inadmisíbel que o Goberno actúe á marxe da lei e viole o artigo 18 da Constitución para actuar contra forzas políticas soberanistas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou de gravísimas as declaracións da ministra de Defensa, Margarita Robles, no Congreso en que implicitamente admite que dirixentes políticos de partidos legais foron espiados sen autorización xudicial e tenta xustificalo politicamente. Néstor Rego reclama que a ministra responsábel directa dunha actuación ilegal debe ser cesada ou dimitir.

Na sesión de control ao Goberno desta cuarta feira no Congreso, Margarita Robles, en relación coa polémica polo uso do programa israelí Pegasus,  admitiu implicitamente que o Goberno espiou ilegalmente dirixentes de forzas políticas legais, á marxe da lei e sen autorización xudicial. A ministra tentou xustificar esta actuación ilegal politicamente.

Con esa declaración Margarita Robles admite que o goberno actuou ilegalmente, admite que o Estado español non respecta as normas dun Estado democrático de dereito e -xa que son tan constitucionalistas- admite que o goberno violou o artigo 18 da Constitución española que garante a confidencialmente e inviolabilidade das comunicacións”, sinala Rego.

O deputado nacionalista considera que quen a responsábel directa dunha actuación tan grave “non pode continuar un minuto máis no seu cargo e debe ser cesada ou dimitir” e reclama que o Goberno dea todas as explicacións posíbeis, por iso o BNG conxuntamente con outras forzas políticas  solicitou a comparecencia de Pedro Sánchez e varios ministros, así como unha Comisión parlamentar de investigación.

“Cremos que toda esta actuación ilegal debe ser esclarecida, que o Goberno debe asumir as súas responsabilidades e que se debe garantir que nunca máis se actúa ilegalmente contra forzas políticas democráticas”, salienta Néstor Rego.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG