BNG consegue a unanimidade do Parlamento para que Sanidade reverta os recortes no centro de saúde de Parga

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira advirte que os recortes minguan a calidade asistencial que recibe á veciñanza, nun concello que ten un nivel de poboación envellecida

O BNG acada a unanimidade da Cámara para solicitar ao Goberno do PP a fin dos recortes de persoal no centro de saúde de Parga, para que así volva contar cos mesmos efectivos que tiña antes da pandemia. En concreto, a Xunta suprimiu un dos dous médicos cos que contaba o centro para atender á veciñanza e eliminou un día de asistencia á semana.

A deputada por Lugo, Carme Aira, explicou que coa chegada da pandemia “optouse polo peche de centros, entre eles o de Parga”, pero a cuestión é que a reapertura se produce cun recorte no persoal sanitario, de tal xeito que hoxe este centro de saúde está “mutilado”, pois reabriu cunha única enfermeira e un médico dous días á semana, cando antes exercían dous facultativos.

Estes recortes, denunciou Aira, provocan numerosos inconvenientes para as 1.500 usuarias do centro de Parga, que pasan a depender aínda máis do centro médico de Guitiriz debido a sistemática política de recortes do PP, “que provoca falta de profesionais e a perda da calidade asistencial”. De feito, esta situación de recortes que soporta o centro de saúde de Parga é denominador común en atención primaria, o que ten motivado a mobilización da poboación ao longo e ancho de Galiza

Aira subliña o alto nivel de envellecemento da poboación en moitos concellos do País, tamén na provincia de Lugo, “sen que a Consellería de Sanidade lle preste atención ás súas lexítimas reclamacións”. A deputada cualificou como “solución parcial e disimulatoria” a reapertura do centro  de Parga con recortes de persoal, un caso que se repite noutros concellos da provincia, e citou como exemplo o consultorio do Castro, en Carballedo, - “que o PP pechou por non querer facer as obras necesarias para recuperar o edificio”-, ou o consultorio de Guitiriz co recorte dun facultativo.

A parlamentaria nacionalista incidiu na necesidade “dun servizo de saúde de proximidade” e criticou á Consellería de Sanidade por forzar ás persoas maiores “a facer un gasto extraordinario que afecta ás súas pensións, gasto que é maior canto maior é a súa doenza”. Aira advertiu que o BNG “seguirá traendo máis iniciativas para defender a atención sanitaria pública e de proximidade porque aínda quedan moitos centros de atención primaria sen abrir”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG