Congreso

BNG consegue o apoio do Congreso para permitir ás comunidades de montes veciñais en man común actuar como comunidades enerxéticas

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “A transición enerxética sen xustiza social non pasa de greenwashing ao servizo das grandes empresas enerxéticas e do capitalismo”

A figura xurídica recoñecida e histórica da Galiza non pode quedar fóra dun modelo que procura democratizar a enerxía e favorecer o desenvolvemento local, di Rego

O Bloque Nacionalista Galego logra o apoio da maioría da Comisión de Transición Ecolóxica do Congreso para reclamar ao Estado que recoñeza xuridicamente as comunidades de montes veciñais en man común e que poidan actuar como comunidades enerxéticas de pleno dereito. O deputado do BNG, Néstor Rego, destaca a necesidade de apostar por un modelo de xeración de enerxía distribuída, a menor escala e máis próximas aos centros de consumo frente ao modelo que Xunta e Goberno do Estado están a promover.

“O Congreso insta o Goberno do Estado a regular as comunidades enerxéticas de base cidadá, especialmente as radicadas no ámbito rural que dea resposta as demandas e necesidades reais e que se recoñeza ás comunidades de montes veciñais en man común que así o soliciten como comunidades enerxéticas de pleno dereito segundo o disposto nos artigos 12 bis e seguintes da Lei 24/2013” recolle literalmente a parte resolutiva da iniciativa do BNG no Congreso.

En opinión do deputado nacionalista, o Goberno debe recoñecer xuridicamente as comunidades de montes veciñais en man común. Unha figura, recorda Rego, que existe na Galiza desde hai séculos e representa “arredor de 20% do territorio galego”, con máis de 650.000 hectáreas xestionadas por “3.000 comunidades”.

“Estamos a favor de camiñar cara a transición ecolóxica mais somos críticos co modelo que está a desenvolver o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza baseado na produción a grande escala, concentrada en zonas de sacrificio -como no caso galego- con alto impacto no territorio e ningún beneficio para os galegos e galegas” subliña o deputado nacionalista.

Pola contra, Néstor Rego defende a proposta do BNG de ir cara a un modelo de “xeración distribuída, a menor escala e máis próxima aos centros de consumo”. As comunidades de montes veciñas en man común, destaca o deputado do BNG, poderían ser actores centrais na produción de enerxía renovábel, xerando riqueza e servizos para aldeas e parroquias.

“Nos plans piloto do executivo estatal exclúen as comunidades de montes veciñais en man común por non recoñecer a nivel xurídico a súa formulación como comunidade enerxética local” denuncia Rego.

Finalmente, o deputado do BNG recorda que “a transición enerxética sen xustiza social non pasa de greenwashing ao servizo das grandes empresas enerxéticas e do capitalismo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG