BNG comprométese a seguir traballando para recuperar as frecuencias ferroviarias con parada na Gudiña

Encontro A Gudiña
Encontro A Gudiña

Néstor Rego, após a reunión con representantes da Plataforma, demanda novamente a Transportes repor as paradas na Estación Porta da Galiza-A Gudiña

O BNG apoia a mobilización convocada pola Plataforma Dereito ao Tren da Gudiña para a vindeira cuarta feira, 25 de marzo, en Ourense para reclamar a recuperación de paradas

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a seguir traballando para que o Goberno do Estado, no concreto o Ministerio de Transportes, rectifique a decisión de eliminar frecuencias ferroviarias con parada na Gudiña e as repoña. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apunta que o executivo debe velar porque o transporte ferroviario cumpra coa función de vertebración territorial e cohesión social polo que urxe recuperar, no mínimo, os trens madrugadores e de última hora.

Durante un encontro con representantes da Plataforma Dereito ao Tren da Gudiña, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o deputado nacionalista no Parlamento de Galiza, Secundino Fernández, mostraron o compromiso do BNG para seguir a traballar no obxectivo de que o Goberno rectifique a recupere as paradas.

Néstor Rego lembra que, desde o primeiro momento, a organización nacionalista rexistrou iniciativas na Cortes do Estado para conseguir que o Ministerio de Transportes repuxese as frecuencias ferroviarias con parada na Estación Porta da Galiza-A Gudiña. “O Ministerio eliminou grande parte das paradas nesta estación: un recorte de 16 servizos ferroviarios que afecta a un grande número de persoas, tanto na comarca de Monterrei como na de Valdeorras, e mesmo a persoas de fóra da Galiza que tamén facían uso da parada da Gudiña” denuncia Rego.

“Transportes debe rectificar e atender as demandas da veciñanza pois os servizos ferroviarios nesta área son fundamentais para garantir a mobilidade das persoas.  Promoven a cohesión territorial e dan resposta ás necesidades sociais” afirma con contundencia o deputado nacionalista, “son imprescindíbeis para permitir á veciñanza realizar xestións, acudir ao traballo, a citas médicas ou centros de ensinanza, por iso deben recuperarse as paradas de primeira hora da mañá e de última da tarde, para facilitar os desprazamentos diarios”. De facto, o propio Ministerio recoñeceu que o número de persoas aumentara 40% nesta liña polo que Rego entende que “este é un servizo adecuado que se debe recuperar”.

Neste sentido, a organización nacionalista comparte a reclamación da Plataforma  de que, o servizo sexa considerado OSP e así garantir a mobilidade, ao tempo que repón as frecuencias con parada, especialmente os denominados trens madrugadores e de última hora, en ambos sentidos, para cumprir a función de vertebración territorial e cohesión social.

Por último, o BNG traslada o seu apoio á manifestación da vindeira cuarta feira, 25 de marzo, convocada na cidade de Ourense pola Plataforma Dereito ao Tren da Gudiña. “Unha mobilización coa que volverá reclamarse ao Goberno do Estado a recuperación de paradas con horarios útiles e que se adecúen ás necesidades das persoas” sentenza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG