galegas 2024

BNG comprométese a reforzar os servizos sanitarios e de emerxencias en Cerdedo-Cotobade

Encontro Cerdedo - Cotobade
Encontro Cerdedo - Cotobade

Luís Bará garante un novo estudo para analizar necesidades e dimensionamento e rematar cos déficits históricos de persoal e ambulancias

“Un executivo do BNG fará investimentos alí onde o goberno do PP fixo recortes, empezando polos servizos públicos e as emerxencias”. Así o asegurou hoxe en Cerdedo Cotobade o cabeza de lista do Bloque, Luís Bará, onde se comprometeu a reforzar os servizos sanitarios e de emerxencias na zona para dar unha resposta áxil e eficaz nun territorio que agora mesmo ten tempos de resposta que chegan a triplicar as ratios recomendadas.

Bará cualificou como inasumible a situación e subliñou que un goberno do BNG adoptará as medidas necesarias para garantir unha atención sanitaria pública digna (médica, enfermaría, pediatría, matrona) no concello de Cerdedo-Cotobade e un servizo de ambulancia medicalizada na zona, “xa que cando se está a case unha hora do hospital de referencia, actuar con rapidez pode marcar a diferencia”.

Garantiu, neste sentido, a elaboración dun estudo que analice as necesidades de dimensionamento do servizo tanto no ámbito territorial como de recursos, para rematar cos déficits históricos que colapsan o servizo por falta de vehículos e equipos humanos, lembrando que Cerdedo Cotobade é un dos concellos referidos no informe do Consello de Contas que, tras analizar o funcionamento do 061, conclúe que “non se logra que a asistencia dos recursos se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características do territorio".

O cabeza de cartel destacou como moi necesario reverter as políticas de recortes e privatizacións e unha actuación urxente de recuperación da sanidade pública galega, polo que anunciou que unha das primeiras medidas de Ana Pontón como presidenta será un plan de choque de 200 M€ para rescatar a Atención Primaria.

Por outra banda, en relación coas emerxencias, Bará apostou pola creación dunha nova base de incendios para a contorna que debería estar integrada no Consorcio provincial participado pola Deputación e a Xunta, para dar resposta a lumes, incendios ou accidentes de tráfico sen deixar zonas de sombra tamén nos concellos próximos.

Bará puxo sobre a mesa estes compromisos nun encontro co portavoz municipal Ernesto Filgueira e integrantes da plataforma ‘Cerdedo pola sanidade pública’ e persoas afectadas pola deficiente atención da sanidade e emerxencias.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG