BNG comprométese a impulsar unha Proposición de Lei para recuperar os dereitos da clase traballadora

BNG vota en contra da convalidación do Real Decreto sobre a Reforma Laboral por “consolidar os elementos máis prexudiciais da Reforma do PP”

“Terá que explicar por que, existindo unha maioría parlamentaria suficiente, ceden aos ditados da UE e a contentar os intereses dos empresarios en vez de cumprir cos traballadores” salienta Rego

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, cualifica a votación sobre a convalidación do Real Decreto-lei da Reforma Laboral como a confirmación dunha “fraude” por incumprir as promesas e comproimisos de “derrogar a Reforma do PP de 2012”. Denuncia a falta de diálogo dos partidos do Goberno e o furto que significa “non permitir que a cámara debata e modifique o texto lexislativo”. O deputado nacionalista reivindica o papel da súa formación na loita por recuperar e blindar dereitos para a clase traballadora e avanza o rexistro dunha Proposición de Lei para derrogar de maneira íntegra a Reforma Laboral.

Durante a súa intervención, Rego criticou o feito de que hoxe se aprobe unha medida que non responde ao que ambas as formacións que compoñen o Goberno prometeran e mesmo acordaron con outras organizacións políticas- como no Acordo de Investidura co BNG-, derrogar a Reforma Laboral de 2012. “Que hoxe se aprobe coa dereita ultra-liberal – Ciudadanos e Navarra Suma- é a mellor imaxe que confirma que non se derroga a Reforma Laboral” explica Rego mentres sinala que o texto tamén conta co apoio da CEOE, a FAES, o Banco Santander e mesmo referentes do propio Partido Popular.

O deputado nacionalista cualifica como a confirmación dunha “fraude” a votación da Reforma Laboral, por manter os aspectos máis lesivos da Reforma aprobada polo Partido Popular en 2012. “Non tocan as facilidades e o abaratamento do despedimento, a autorización administrativa previa para os ERE, os salarios de tramitación, a prevalencia dos convenios de empresa, que poden empeorar os de sector, excepto nos salarios, a prevalencia dos convenios estatais, a posibilidade de “descolgues” dos convenios, a facultade das empresas para as modificacións das condicións de traballo e a mobilidade xeográfica colectiva ou a distribución irregular da xornada, até 10%, por exemplo.” enumera o deputado do BNG.

“Terá que explicar vostede, señora Ministra, por que existindo unha maioría parlamentaria suficiente deciden ceder aos ditados da Unión Europea e contentar os intereses dos empresarios no canto de cumprir coa clase traballadora” subliña Rego durante a intervención. “Terán que explicar por que non quixeron recuperar a indemnización de 45 días por ano nos despedimentos improcedentes, por exemplo”.

 Aliás, Rego defende a coherencia da organización soberanista “firme na defensa dos intereses da clase traballadora galega. O BNG vota en contra para forzar este Goberno a negociar unha proposta que realmente permita avanzar en dereitos”.

Nesa liña, Rego anunciou que o BNG impulsará unha Proposición de Lei que recupere os dereitos para a clase traballadora. Para iso, comprométese a procurar a concorrencia de todas as forzas da esquerda e soberanistas que votaron en contra desta convalidación “por considerala insuficiente e unha fraude” frente as promesas previas do executivo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG