xerais 2023

BNG comprométese a impulsar a derrogación íntegra da reforma laboral do PP coa forza que obteña o 23 de xullo

Encontro sindicatos do metal
Encontro sindicatos do metal

“Hai que elevar o listón dos dereitos laborais dos traballadores e das traballadoras”, subliña Pontón tras un encontro co sector do metal en Vigo

Propostas que o BNG defenderá no Congreso: 45 días de indemnización, recuperar os salarios de tramitación e autorización administrativa dos ERE

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos representantes sindicais do sector do metal en Vigo,  desde onde avanzou que o BNG impulsará no Congreso a derrogación íntegra da reforma laboral aprobada polo PP en 2012, “utilizando a forzas dos votos que os galegos e as galegas nos dean na cita coas urnas o 23 de xullo”.

A clase traballadora precisa de máis capacidade de negociación para poder defender os seus dereitos e conseguir mellores condicións laborais, sobre todo en casos nos que a loita é moi desigual, recalcou nun encontro no que tamén participou a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva. “Hai que subir o listón dos dereitos dos traballadores e das traballadoras”, proclamou, ao tempo que criticaba a oportunidade perdida de ter revertido a contrarreforma laboral de Rajoy.

“O BNG acertou cando advertiu que a reforma laboral aprobada polo actual goberno consolidaba o groso da reforma laboral do PP, tal é así que até o propio candidato Feijóo anunciou que non a ía cambiar porque lle parece unha boa reforma, proba de que os aspectos máis lesivos seguen vixentes”, alegou.

Por iso, o compromiso do BNG é claro: “defender e impulsar desde o Congreso a derrogación íntegra da reforma laboral de Rajoy na próxima lexislatura e para iso imos utilizar toda a forza que nos dean os galegos e as galegas nas urnas o próximo 23 de xullo para mellorar os dereitos dos e das traballadoras”, que precisan dun marco laboral que as protexa.

Non pode ser que a día de hoxe despedir a un traballador sexa igual de barato que cando gobernaba o PP, alegou, por contra o BNG considera que hai que recuperar e aumentar dereitos laborais en lugar de consolidar recortes. Dereitos como os salarios de tramitación, a autorización administrativa previa para levar a cabo un ERE, a  indemnización de 45 en caso de despedimento ou incluír a posibilidade de declarar nulo un despido aínda que o contrato sexa temporal.

“Iso é o que  volveremos defender no Congreso da man dun grupo galego forte, sabendo que estamos nun momento de crise no que as rendas do traballo baixan e as do capital suben”, explicou Pontón tras unha reunión en Vigo cos representantes sindicais da CIG, CCOO e  UGT do sector do metal en Pontevedra, para coñecer de primeira man as reivindicacións polas que levan semanas en loita.   

En primeiro lugar, Pontón  amosoulles o total apoio do Bloque na súa batalla por conseguir salarios dignos e melloras nas condicións laborais, demandas que valorou como “xustas e lexítimas”, nun sector clave para a economía galega que na provincia de Pontevedra xera 33.000 postos de traballo en máis de 3.000 empresas, “o que constata a importancia do sector industrial en Vigo e toda a súa área metropolitana”.

A Xunta debe mediar

Sobre o caso concreto do secto r do metal de Pontevedra, Pontón anunciou que o Bloque presentará de inmediato no Parlamento galego unha iniciativa para esixir ao goberno  da Xunta que exerza a súa función de autoridade laboral e medie no conflito entre traballadores e patronal.

“Imos pedirlle ao Goberno do PP que se poña do lado dos traballadores e que deixe a súa pasividade, que deixe de ser mero espectador”, indicou a líder do BNG, que recalcou a necesidade das melloras salariais e laborais duns traballadores “que teñen que chegar a fin de mes e que están vendo como sobe o coste de vida, como suben as hipotecas ou o prezo da cesta da compra”, concluíu.  
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG