congreso

BNG e CIG defenden transformar Correos nun instrumento contra o despoboamento rural e aproveitar todo o seu potencial

John Vivanco (CIG) e Néstor Rego
John Vivanco (CIG) e Néstor Rego

As organizacións nacionalistas propoñen que a Sociedade Estatal actúe tamén como entidade financeira pública e de seguros, así como crear un operador de telefonía público aproveitando Correos Telecom

Rego e Vivanco reclaman ao Goberno apostar pola entidade pública abríndoa a novos ámbitos de actuación e asegurar un servizo público de calidade, dotándoa de orzamento suficiente

O Bloque Nacionalista Galego e a Confederación Intersindical Galega propoñen transformar a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos S.A. nun instrumento para reverter o despoboamento rural e axudar á cohesión social e territorial. Ambas as organizacións defenden aproveitar toda a potencialidade da empresa pública, ampliando os servizos para que poida actuar como entidade financeira pública e de seguros e, mesmo, como un operador de telefonía público. CIG e BNG apostan por “ir máis alá” e declarar a compañía nunha empresa de interese social e utilidade pública, dotándoa de orzamento suficiente para facer frente aos retos de servizos que debe cumprir na sociedade.

A Galiza está a sufrir un proceso acelerado de perda de servizos no rural que está a xerar unha situación de alarma e, mesmo, a provocar graves problemas aos veciños e veciñas das aldeas e vilas -na Galiza, de 313 concellos, 257 teñen menos de 10.000 habitantes- pola perda de servizos esenciais. Neste sentido, ambas as organizacións nacionalistas sinalan a necesidade de levar a cabo medidas que poñan remedio a esta deterioración.

“O propio informe do Consello Económico e Social estatal de 2018, así como o documento A estratexia España 2050 inciden na necesidade de fortalecer os servizos públicos”, salienta o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, Néstor Rego apunta que a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos “debe ser un instrumento útil para dar resposta a algunhas das necesidades sociais que se presentan na actualidade, especialmente nas zonas rurais”.

Tal e como apunta o deputado nacionalista, a entidade ten unha capilaridade en todo o territorio e, por tanto, dispón de capacidade suficiente para contribuír a esa maior vertebración e cohesión social que se precisa. “Propomos que a entidade pública poida contribuír á prestación de servizos esenciais e ao achegamento e mellora da eficiencia da Administración Pública. Ir máis alá dos pasos tímidos que está a levar a cabo o Goberno do Estado” afirma Rego.

Para este fin, segundo explica o Secretario Nacional da CIG Correos, é imprescindíbel “reforzar o status xurídico como sociedade pública, en liña coas propostas da Unión Europea de reforzar os servizos públicos, dando a volta á tendencia favorecida até o momento”. Esta necesidade de fortalecer as estruturas públicas, apoia John Vivanco, quedou demostrada durante a pandemia da COVID-19, análise en que coinciden as distintas institucións políticas e de goberno. “Semella evidente que o primeiro paso sexa dar seguranza xurídica e fixar legalmente a natureza da Sociedade. Correos presta un servizo público, declarado esencial durante a pandemia, é necesario asegurar e recoller de forma explícita a consideración como empresa pública da devandita sociedade estatal” asevera.

Alén do máis, Vivanco explica que é necesario dotar a Correos do financiamento precisa  para “converter esta empresa pública nunha ferramenta útil que permita dar solución ás deficiencias de servizos en moitos territorios, especialmente no medio rural”. Así mesmo, subliña que ten un perfecto encaixe nos fondos Europeos para corrixir os devanditos desequilibrios e desigualdades.

“Hai que dotar a entidade dos instrumentos necesarios para que poida dar resposta ás necesidades actuais. Actualizar o marco do Servizo Postal Universal (SPU) dando cobertura a eses servizos que, a día de hoxe, non forman parte del” apunta o Secretario Nacional da CIG Correos, John Vivanco. De facto, son xa numerosos os países da nosa contorna que están a actuar na dotación adecuada de medios. “Correos pode ser un instrumento que facilite servizos postais e de paquetería, mais tamén bancarios e de seguros -a través dunha entidade pública- e mesmo de telefonía ou outros que doutra forma non serán garantidos ao conxunto da poboación” destaca.

“É nos servizos bancarios onde Correos debe recuperar o papel protagonista que noutro tempo xogou e dea unha resposta completa ás necesidades da poboación. Máis, tendo en conta que a banca privada desentendeuse da meirande parte da poboación, negando unha atención presencial próxima e en horario suficiente na maioría de núcleos” engade o deputado nacionalista. Ademais debe terse en conta a evolución do comercio en liña, para o cal “é esencial a presenza dunha entidade pública que contribúa a que o cidadán poida ter acceso a eses servizos a prezos alcanzábeis, en igualdade de condicións aos cidadáns que viven en zonas urbanas, en que se garante unha maior oferta e competitividade”.

En conclusión, as organizacións política e sindical entenden que Correos, como empresa pública, debe actualizarse e dotarse dos medios e servizos necesarios que permitan atender as necesidades do conxunto da cidadanía. “A Administración estatal debe garantir os servizos básicos, adoptando as medidas oportunas e apostando pola novas oportunidades como a creación dun operador de telefonía pública aproveitando a sinerxia da filial Correos Telecom” finda Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG