Congreso

BNG e CIG defenden reducir a xornada laboral a 35 horas semanais

Rolda de prensa BNG - CIG
Rolda de prensa BNG - CIG

No marco actual de debate sobre a redución da xornada laboral, o BNG -co impulso da CIG- presenta no Congreso unha Proposición de Lei. Ambas as organizacións fan un apelo ao resto de forzas políticas e organizacións sindicais para “seren valentes” e aprobar esta medida

Rego e Carril defenden a necesidade de conquistar máis dereitos frente á explotación: “o futuro pasa polas 35 horas e avanzar para a xornada de 4 días, 32 horas á semana”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar no Congreso dos Deputados unha Proposición de Lei para a redución da duración máxima da xornada ordinaria de traballo a 35 horas semanais, unha iniciativa presentada en colaboración coa Confederación Intersindical Galega (CIG). A medida, que se inscribe dentro da loita histórica pola mellora das condicións laborais, pretende avanzar para a unha distribución máis xusta do traballo, garantir a conciliación da vida laboral e persoal e aumentar a produtividade, sen reducir os salarios das traballadoras e traballadores.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala a necesidade de actualizar a lexislación laboral para adaptarse á realidade socioeconómica actual e rematar cun modelo laboral que, segundo indica, "prexudica as traballadoras e traballadores, alonga as xornadas de xeito abusivo e dificulta a conciliación da vida laboral e persoal". "A xornada de 35 horas semanais xa é unha realidade en moitos sectores da Administración Pública e en determinadas empresas. O que BNG e CIG defendemos con esta proposta é que se estenda de maneira xeral para garantir que todas as persoas traballadoras poidan gozar de mellores condicións sen perda salarial" sinala Rego.

Pola súa parte, o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que a redución da xornada laboral “non só permitirá mellorar a calidade de vida da clase traballadora, senón que tamén terá un impacto positivo no emprego”, permitindo a incorporación de máis persoas ao mercado laboral. "É unha medida de xustiza social, que responde a unha demanda histórica do sindicalismo de clase e de País que busca avanzar para a unha sociedade máis igualitaria e xusta" afirma Carril.

A Proposición de Lei presentada inclúe modificacións chave no Estatuto dos Traballadores para fixar legalmente a xornada laboral en 35 horas semanais “sen redución salarial, garantindo así que a medida beneficie ás traballadoras e traballadores”. Ademais, estabelece garantías para evitar o abuso das horas extraordinarias e mellorar a regulación do rexistro de xornada, asegurando un control efectivo do tempo de traballo real.

Na proposta tamén se inclúen medidas adicionais formuladas pola CIG para regular mellor a xornada laboral e combater a precariedade, especialmente no caso da contratación a tempo parcial. Entre estas medidas destacan a garantía de xornadas mínimas de 20 horas en horario continuado, a limitación do uso de contratos a tempo parcial a un máximo de 15% do cadro de persoal, a revalorización salarial deste tipo de contratacións e a regulación das horas complementarias para evitar abusos. Ademais, propoñen a derrogación da normativa que permite á patronal decidir unilateralmente a distribución irregular da xornada até 10%, co obxectivo de garantir unha maior seguranza e estabilidade para as traballadoras e traballadores.

O BNG e a CIG subliñan que a proposta non só se basea en criterios sociais e laborais, senón tamén en datos que demostran que a redución da xornada non implica unha diminución da produtividade. "Hai exemplos claros en Europa, como Francia ou Alemaña, que demostran que é posíbel producir máis con menos horas de traballo, sempre que se melloren as condicións laborais" insiste Rego.

A formación nacionalista galega fai un chamamento ao Goberno do Estado e ao resto de forzas políticas para que apoien esta iniciativa que "supón un avance social innegábel", ao tempo que anuncia que continuará traballando para defender os dereitos laborais da clase traballadora galega e impulsar un modelo produtivo máis xusto e equilibrado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG