BNG e CIG defenden garantir plenamente os dereitos das persoas usuarias da banca

Reunión CIG e BNG
Reunión CIG e BNG

Néstor Rego lamenta a oportunidade perdida que supón o Anteproxeto de Lei de Creación da Autoridade Administrativa Independente de Defensa do Cliente Financeiro por non avanzar nos dereitos das e dos usuarios

CIG e BNG alertan da invasión de competencias exclusivas, como é a defensa das e dos consumidores, que suporá esta Lei promovida polo Goberno do Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o deputado no Parlamento de Galiza, Ramón Fernández, manteñen unha reunión con representantes da CIG-Banca, Rosa Conde como responsábel nacional, Clodomiro Montero da CiG-Abanca e Miguel Fernández da CIG-BBVA. Durante a reunión abordaron o anteproxecto de Lei de creación dunha autoridade administrativa independente de defensa do cliente financeiro, que supón unha oportunidade perdida de avanzar na protección e no recoñecemento de dereitos das persoas usuarias. Así mesmo, alertan da invasión de competencias que realiza o executivo central, posto que é a Xunta á que lle corresponde as materias referidas á defensa de consumidores e usuarios. Reclaman a regulación do sector así como a creación dunha banca pública para garantir un servizo de calidade.

Ambas organizacións, CIG e BNG, coincidiron durante a xuntanza que este anteproxecto é unha oportunidade perdida en avanzar realmente e garantir un servizo de calidade. Para o deputado do BNG no Congreso, trátase mais unha vez, dunha invasión das competencias autonómicas pois a materia de defensa de consumidores e usuarios é competencia da Xunta de Galiza.

“Na anterior crise bancaria, a mobilización social polo escándalo das preferentes logrou que se puxese en marcha un sistema de arbitraxe promovido pola Xunta de Galiza no exercicio das súas competencias propias, mais agora con esta nova “autoridade de defensa da clientela” ese sistema de arbitraxe ou conciliación centralizaríase en Madrid, roubando capacidade de actuación e afastando o lugar de decisión, en prexuízo das persoas usuarias” lembra Néstor Rego. De facto, naquel conflito tanto o Banco de España como a Comisión Nacional do Mercado e Valores tiveron responsabilidade, pois deron orde ou autorizaron a venda de preferentes. Agora, estes entes formarían parte da autoridade, e de terse que investigar agora ese proceso, serían xuíz e parte, terían que tomar decisións contra os seus propios actos.

Ao longo de todo o anteproxecto fálase da autorregulación dos bancos mais a organizacións nacionalistas entenden que o Goberno non pode dar por bo o que os poderes financeiros entenden que é máis vantaxoso, o executivo debe apostar por unha regulación do sector que de cumprimento á normativa europea e garanta os dereitos das persoas consumidoras e usuarias da banca. De non facelo, “continuará habendo restrición de servizos, peche de oficinas, un incremento das comisións por prestar un peor servizo e o fomento da dixitalización en detrimento da atención presencial sen que os bancos asuman ningunha responsabilidade”.

Así mesmo, Rego destacou que no caso da Galiza, a dispersión poboacional ou o envellecemento da poboación son factores que deberían terse en conta para manter a atención presencial “É fundamental garantir este dereito básico e non validar o modelo actual que non fai máis que pechar oficinas bancarias no rural galego ou reducir os horarios de atención, máis, despois de que rescatasen os bancos con diñeiro público” subliña Rego. Por último, a organización nacionalista tamén critica que se defenda como un avance do anteproxecto o dereito á atención telefónica das persoas usuarias de Banca, cuestión que utilizan as entidades financeiras só para a televenta, o que debe garantir a lei é a atención presencial en oficinas próximas á persoa consumidora.

O Goberno, non debe dar por boa esa “autoregulación”, debe asegurar que as entidades cumpran coa lei, como por exemplo coa Directiva sobre comercialización de produtos financeiros complexos que estabelece que as entidades non poden estabelecer a regulación de redementos do traballo asociado á venda de produtos complexos” reivindica Rego, “ou a Directiva sobre Contas Básicas sen Comisión, que tampouco cumpren” pero o Misterio non está actuando neste ámbito.

Unha banca pública para garantir un servizo de calidade

Tal e como ven defendendo a organización nacionalista, “é necesario contar cunha Banca pública Galega que sirva para financiar, propoñer e acompañar os proxectos das entidades públicas locais, colectivos emprendedores e PEMES e dar unha saída máis xusta á crise económica”. O BNG defende tamén a creación dunha Banca Pública Galega que garanta que o aforro dos galegos e galegas se traduza en investimentos no propio País. Unha Banca pública que ofreza servizos próximos e de calidade, e que pense en facilitar oportunidades, en promover un verdadeiro servizo que hoxe é esencial, non na conta de resultados.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG