BNG e CIG Área Pública concordan na necesidade de eliminar a taxa de reposición de efectivos

Encontro BNG e CIG Área pública
Encontro BNG e CIG Área pública

Néstor Rego mantén unha reunión de traballo coas federacións da CIG ensino, sanidade e administración sobre os Orzamentos do Estado no que atinxe a empregadas e empregados públicos

A formación nacionalista presentará emendas os Orzamentos para defender o incremento dos salarios públicos

Ambas formacións confirmaron o seu rexeitamento á reforma do EBEP e propuxeron medidas para combater a temporalidade nas administracións públicas

O deputado do BNG no Congreso mantivo unha reunión de traballo coas federacións de Área Pública da CIG- ensino, saúde e administración- para abordar as emendas a presentar aos Orzamentos do Estado en relación coa administración e os servizos públicos. Ambas as organizacións concordan na necesidade suprimir a taxa de reposición de efectivos para poder aumentar os cadros de persoal, combater a temporalidade nas administracións públicas e exixir a suba do salarios das e dos empregados públicos. A representación das federacións da Área Pública da CIG, estivo composta polo Secretario Nacional da CIG- Ensino, Suso Bermello; o da CIG-Administración, Xavier Picón; e a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Ambas as  organizacións apostan por eliminar a taxa de reposición de efectivos -que impide que as administracións poidan incorporar o persoal necesario para o bon funcionamento dos servizos- co obxectivo de crear “emprego neto”  en todas as administracións, así como recuperar e reforzar os servizos públicos. “O Goberno do PSOE e de Podemos empéñase en manter as taxas de reposición apesar da evidencia do grave problema da temporalidade na administración e tamén da necersidade de mellorar servizos esenciais como a sanidade ou a educación”, sinala o deputado do BNG. Coincidimos coa CIG en que este é un aspecto fundamental que debe ser resolto nos Orzamentos do Estado e por iso voltaremos a presentar unha emenda para conseguir suprimilas ou, no mínimo, eliminar o seu carácter de norma básica”, acrecenta.

Durante a reunión de traballo tamén abordaron a posición sobre a reforma do EBEP e sinalaron que non se pode permitir “deixar de lado o persoal interino, polo que hai que pór sobre a mesa unha solución, desde o respecto á negociación en cada País e mesmo en cada sector da administración”. O deputado do BNG avanzou o rexistro de emendas para rematar co abuso de temporalidade nas administracións paralelamente á defensa, por parte da CIG, dunha modificación do texto actual do RDL 14/2021 na procura dunha solución ao abuso da temporalidade.

A favor dunha suba salarial que evite perder poder adquisitivo

A CIG trasladou ao BNG a proposta de emendar o proxecto de Orzamentos no sentido de superar a previsión actual de suba do 2% imposta polo goberno de coalición para todos os empregados e empregadas públicas do estado, sobre todo cando o IPC interanual se sitúa xa en 5,5%  e previsibelmente continúe aumentando.

“Concordamos en que é previsto un incremento salarial que garanta, no mínimo, que o persoal das administracións públicas non continúe perdendo poder adqusitivo. Sería mesmo de xustiza unha recuperación real e efectiva do que se leva perdido desde o ano 2010, máis de 10% do poder adquisitivo dos salarios públicos. Non debemos esquecer de que afinal isto marta tamén a pauta da negocviación colectiva na empresa privada e o conxunto dos traballadores e traballadoras non poden seguir perdendo capacidade salarial” explica Rego.

Por este motivo, o BNG recolle a proposta da CIG de que a suba sexa de 5% anual no período 2022-2024, estabelecendo unha cláusula de garantía salarial por desvío do IPC para este período e regular a recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas xa no ano 2010 polo goberno de Zapatero e que aínda non se recuperaron.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG