BNG chama o Goberno español a rectificar a posición sobre o Sáhara por “inxusta e imprudente”

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reclama cumprir coa legalidade internacional para garantir ao pobo saharaui o dereito de autodeterminación e a independencia da RASD

Apoia as mobilizacións convocadas na Galiza como mostra de solidariedade co pobo saharauí para esta sexta feira

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chama o Goberno a rectificar a decisión anunciada por Pedro Sánchez sobre o Sáhara Occidental e a respectar a legalidade internacional, así como dar cumprimento ás resolucións da ONU. Apunta que o Bloque Nacionalista Galego mantén o seu posicionamento a favor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí e anuncia que apoiará as mobilizacións convocadas para esta sexta feira na Galiza, como mostra de solidariedade.

A viraxe do Goberno sobre o conflito do Sáhara Occidental, filtrada polo Reino de Marrocos a sexta feira da pasada semana, provoca o rexeitamento do BNG ante “unha nova traizón do Estado español ao pobo saharauí”. Rego lembra que non é a primeira ocasión en que o Estado español traizoa o pobo saharauí xa que en 1975 en vez de garantir o proceso de independencia e a soberanía do Sáhara Occidental cedeu ás presións marroquinas e facilitou que fose dividido entre Marrocos e Mauritania.

“Chamamos o Goberno a rectificar esta posición imprudente e inxusta e a manterse do lado da legalidade internacional que é o cumprimento das resolucións da ONU para avanzar no proceso de autodeterminación do Sáhara Occidental” reivindica Néstor Rego. Unha legalidade internacional que recolle a realización dun referendo, previsto “desde hai 40 anos”.

A decisión tomada polo Goberno aumenta a situación de tensión nunha rexión en que a provocación de Marrocos en novembro de 2020, levou ao reinicio do enfrontamento bélico entre os exércitos saharauí e marroquí.  A xuízo do BNG, isto supón a asunción de parte , e por tanto impide que o estado español poida xogar o papel que lle corresponde  no proceso de descolonización como potencia administradora, en base á Carta das Nacións Unidas e aos acordos sobre descolonización do Sáhara.

Aliás, Rego acrecenta que do punto de vista político e económico a viraxe do Goberno español pode abrir a posibilidade dun conflito con Arxelia -principal país fornecedor de gas ao Estado español- nun momento de especiais dificultades económicas. Mais tamén, enfatiza o deputado nacionalista, esta decisión “é totalmente inxusta e inxustificábel que, quen foi a potencia colonial e, a ollos da ONU a potencia administradora do Sáhara, se poña do lado do invasor marroquí apoiando as posicións de Marrocos”

Para o deputado nacionalista, a actuación do executivo estatal, para alén de inxusta é  “hipócrita” xa que ao mesmo tempo  que defende a necesidade de “enviar armas á Ucraína para defender a soberanía deste País frente ao invasor ruso”, no caso do Sáhara ponse do lado do “invasor marroquí e deixa abandonado o pobo invadido”.

Rego avanza que o BNG seguirá apoiando o dereito do pobo saharauí á autodeterminación, á soberanía e á independencia e, polo tanto, “apoiará as mobilizacións convocadas para esta sexta feira na Galiza en solidariedade co pobo saharauí”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG