BNG chama a un cambio de rumbo fronte os lumes e reivindica a memoria de Bóveda no Día da Galiza Mártir

Ana Pontón no Día da Galiza Mártir
Ana Pontón no Día da Galiza Mártir

Pontón denunciou a falta de medios da Xunta e reclama un cambio profundo na política forestal

A portavoz nacional lembrou a Bóveda como símbolo de dignidade e compromiso cunha Galiza libre, xusta e soberana

 

O Bloque Nacionalista Galego celebrou este domingo en Pontevedra a tradicional homenaxe a Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir, nun acto que contou coas intervencións da portavoz nacional, Ana Pontón, da senadora Carme da Silva e de Alicia Arruti, en representación da mocidade de Galiza Nova. Pontón combinou a lembranza do líder galeguista coa denuncia da “situación de emerxencia que vive Galiza” pola vaga de lumes que asola o país.

A portavoz nacional expresou a súa “rabia, dor, indignación e inmensa preocupación” polos incendios que arrasan múltiples comarcas galegas e advertiu de que “a prioridade agora é apagar os lumes, pero esta catástrofe ten que ser un punto de inflexión”. A nacionalista trasladou o apoio do BNG ao persoal dos servizos de extinción, que “loitan en condicións extremas e precarias”, así como á veciñanza que “se ve obrigada a enfrontarse coas súas propias mans ás lapas pola falta de medios dun goberno da Xunta desbordado e sobrepasado”.

Pontón reclamou “mudar o rumbo” e insistiu en que “os lumes apáganse no inverno, cun rural vivo, con ordenación e prevención, non con slogans, propaganda nin cunha política forestal ao servizo de ENCE e de ALTRI”. “Non podemos aceptar como normal que Galiza arda ano tras ano. Se queremos que as cousas cambien, non se poden repetir as mesmas políticas fracasadas”, subliñou.

Na súa intervención, Pontón reivindicou a figura de Alexandre Bóveda, lembrando que “foi silenciado polos que tiñan medo da liberdade e do autogoberno, mais non conseguiron facer desaparecer o seu soño, que segue vivo coma unha semente que pasa de xeración en xeración”. Destacou o seu papel como “motor do Partido Galeguista e artífice do Estatuto do 36”, así como a súa defensa dunha Galiza con capacidade fiscal propia: “O que hoxe defendemos desde o BNG a través dun concerto económico, xa o defendía Bóveda hai 90 anos”.

Pontón vinculou o exemplo de Bóveda coa Galiza actual: “Vemos no seu espello unha nación que se rebela contra o centralismo, contra a inxustiza e o espolio, que defende a súa lingua, os servizos públicos, a igualdade e a dignidade”. 

Ofrenda floral en Pontevedra.
Ofrenda floral en Pontevedra.

Pola súa banda, a senadora Carme da Silva puxo o acento en que a mellor homenaxe a Bóveda é avanzar cara á soberanía nacional: “É incomprensíbel que a Xunta dea prioridade aos intereses privados de ENCE sobre o dereito da cidadanía á auga, ou que permita o espolio eólico e proxectos depredadores que ameazan o noso territorio”.

Da Silva defendeu a necesidade dun concerto económico galego, xa presente nos principios programáticos do Partido Galeguista en 1931, e denunciou a complicidade internacional co xenocidio do pobo palestino: “A paz non se constrúe con armas, e Galiza non pode aceptar que se nos meta en guerras alleas”.

Engadiu que “se algo aprendemos de Bóveda é que non abonda coa denuncia: precisamos organización, mobilización e firmeza para transformar a realidade. O mellor tributo que podemos facerlle é seguir loitando até ver cumprido o soño dunha Galiza soberana”.

En representación da mocidade, Alicia Arruti lembrou que Bóveda foi asasinado por defender a liberdade, o autogoberno e a legalidade republicana, e que “Galiza só será dona do seu destino cando teña a chave dos seus cartos, dos seus recursos, da súa lingua e do seu futuro”.

Denunciou a falta de oportunidades que obriga á mocidade a emigrar e reclamou o dereito á vivenda, a unha sanidade pública de calidade e a un ensino público en galego. Arruti concluíu cun chamamento a non resignarse: “A mocidade galega non imos aceptar un futuro de precariedade nin ser unha xeración condenada á emigración”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG