BNG chama a unha acción simbólica o vindeiro 8 de outubro en protesta pola suba continua da factura da luz

Foto conxunta apagón 8 outubro
Foto conxunta apagón 8 outubro

A organización nacionalista asina, conxuntamente con ERC, Bildu, CUP, Junts, Més per Mallorca e Més per Menorca, un manifesto chamando á sociedade galega, vasca e catalá a un apagón masivo e cazolada das 22 ás 22.30h

Néstor Rego: “Négansenos as ferramentas e instrumentos propios para poder intervir no mercado e poder plantar cara ás eléctricas”

BNG chama a unha acción simbólica o vindeiro 8 de outubro en protesta pola suba continua da factura da luz

BNG, xunto coas forzas soberanistas con representación nas cámaras estatais, asina un manifesto e convoca as galegas e galegos a responder á chantaxe das eléctricas o vindeiro 8 de outubro, sexta feira, a través dun apagón eléctrico masivo e unha cazolada entre as 22h e as 22.30h. As organizacións políticas chaman ás organizacións sociais e sindicais, así como tamén ás administracións públicas a secundar a iniciativa “para enviar unha clara mensaxe desde as nosas nacións”.

Baixo o lema “Desconecta as eléctricas. Frente a súa estafa, soberanía enerxética!” as formacións soberanistas únense para denunciar a inacción do Goberno do Estado ante o prezo da luz en máximos históricos e o empobrecemento da cidadanía. Esta situación, segundo sinalan, débese á privatización do sistema eléctrico a través dos gobernos estatais de PP e PSOE.

“Venderon e desmantelaron a empresa pública, desregularon o sistema e deixárano en mans dun mercado do que eles mesmos son parte desde os Consellos de administración nos que se sentan expresidentes, exministros e exministras de ambos os partidos” explica o deputado do BNG. Desta maneira, construíron un mercado eléctrico “á medida” en que se especula e manipula a xeración eléctrica utilizando bens públicos “como a auga ou o vento”. “Toda unha armazón con lucros caídos do ceo que acaban nos petos das accionistas destas eléctricas. Un negocio redondo” recrimina Rego.

Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans carecen da soberanía “que precisamos para enfrontar a estafa eléctrica e os seus responsábeis”. Os parlamentos e gobernos están atados a un Estado español “que permitiu e permite esta estafa eléctrica sen levar a cabo medidas estruturais”. “Négansenos as ferramentas e instrumentos propios para poder intervir no mercado e poder plantar cara ás eléctricas” enfatiza o deputado nacionalista.

Por todo isto, “responderemos xuntos á chantaxe das eléctricas. Chamamos a cidadanía vasca, galega e catalá a responder á extorsión uníndonos nun apagamento eléctrico masivo e unha gran cazolada o próximo día 8 de outubro, sexta feira, entre as 22.00 e as 22.30 horas”. Da mesma maneira convidan os sindicatos, municipios, axentes sociais e todo tipo de asociacións a que secunden esta iniciativa para enviar unha clara mensaxe desde as nosas nacións.

“A falta de soberanía enerxética sáenos moi cara a galegos, catalás e vascos. É hora de que, na construción das nosas nacións, avancemos tamén para a soberanía enerxética que nos permita contar con sistemas propios, que permitan establecer e regular tarifas propias, como a “Tarifa Eléctrica Galega” que reivindica para Galiza o BNG, que compense aos territorios produtores e excedentarios dos custos sociais e medioambientais que soportan. Debemos romper co oligopolio imposto para construír desde o público sistemas xustos que respecten o ben e dereito esencial que é a electricidade” subliña Néstor Rego. 

BNG chama a unha acción simbólica o vindeiro 8 de outubro en protesta pola suba continua da factura da luz