O colapso da sanidade e as decisións que se están tomando na UE con grave prexuízo para o agro e á pesca do País centrarán as iniciativas do BNG no primeiro Pleno do ano e do novo período de sesións, que os e as deputadas nacionalistas encaran coa vocación de ser altofalantes no Parlamento galego dos problemas que preocupan realmente á xente e condicionan o seu modo de vida.
“A sanidade pública galega está nunha situación límite pola falta de medios tanto na Atención primaria como nos hospitais; é unha situación que afecta a todo o País e que sufrimos todas as galegas e todos os galegos”, advertiu a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces na que se fixou a orde do día do Pleno.
Unha reunión na que, malia o evidente deterioro na atención sanitaria, o PP vetou a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para dar explicacións. É por iso que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitará a sesión de control para preguntarlle ao titular da Xunta que medidas vai adoptar ante o colapso no Sergas, agudizado nestas datas polo aumento da gripe e outras enfermidades respiratorias.
Na mesma liña, o BNG presenta un ha interpelación ao conselleiro de Sanidade sobre a falta de previsión e de recursos do Plan de Inverno, o que está a provocar longas esperas nos centros de saúde —ata tres semanas para conseguir unha cita— e a saturación nas urxencias do PAC e dos hospitais, con doentes nos corredores agardando para ser tratados. “A falta de previsión e recursos súmanse os recortes acumulados na sanidade galega nos últimos anos”, reprobou Rodil.
En defensa dos sectores produtivos galegos, o Bloque levará ao Pleno as decisións que se están tomando no seno do Goberno español e da Unión Europa contra os intereses de Galiza e co “apoio entusiasta” das forzas estatais, criticou. O Bloque buscará así o pronunciamento unánime do Parlamento para rexeitar o tratado de libre entre a UE con Mercosur, “absolutamente lesivo para os intereses de Galiza e especialmente do sector agrogandeiro galego e dos produtores de carne e mel que estes días están a mobilizarse en Ourense e Lugo.
O acordo de Mercosur é “un exemplo máis de como se utiliza Galiza e os seus sectores produtivos como peza de sacrificio para favorecer os intereses económicos doutros países da UE ou de outros sectores”, sostivo a deputada nacionalista, referíndose á iniciativa do BNG como unha “nova oportunidade” para que o Parlamento rexeite de maneira unánime o acordo, tras negarse a facelo PP e PSOE na Comisión de Agricultura do pasado venres.
O PP engana: o acordo de Mercosur xa non se pode modificar.
Rodil lamentou, sobre esta cuestión, que o PP intente “enganar” o sector tras votar a favor do acordo en Europa e tras apoialo en reiteradas ocasións, incluso por boca do propio presidente da Xunta dicindo que “o tratado era marabilloso”. O Parlamento Europeo, cos votos a favor de PP e PSOE, xa votou as cláusulas de salvagarda en novembro de 2025, ao contrario do que di o PP, agora “xa non se poden introducir modificacións”, aclarou a viceportavoz do BNG, que se preguntou que van votar en febreiro os eurodeputados galegos de PP e PSOE na votación definitiva do pactado con Mercosur.
A través dunha pregunta parlamentaria, o BNG levará así mesmo ao Pleno o debate sobre o novo Regulamento de Control da Pesca, contra o que se manifestou esta semana o sector do mar en Galiza. Un acordo lesivo especialmente para a pesca de baixura pola carga burocrática que supón e que se suma ao “recorte brutal” imposto no marco comunitario ás cotas da xarda (-70 %) e do lirio (41 %). “Un golpe durísimo para este sector estratéxico do País que agora ve como no seo da UE vólvense tomar decisións completamente contrarias ao seus intereses”, asegurou.
O infrafinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar é outros dos temas destacados na axenda nacionalista do próximo Pleno. A través dunha interpelación á conselleira de Política Social, o Bloque urxirá á Xunta o incremento orzamentario para un servizo que é “esencial” na atención ás persoas dependentes e que nestes momentos se atopa “absolutamente colapsado e a piques de quebrar” pola falta de financiamento tanto por parte da Xunta como do Goberno do Estado, “que son os que teñen a responsabilidade compartida ao 50 %”, lembrou Rodil.
Subliñando, ao respecto, que este é un servizo que se sostén “grazas ao esforzo titánico” dos concellos “que non teñen nin a competencia de ter que pagar o SAF nin a capacidade económica para facelo”. A proposta do BNG pasa por que a Xunta incremente de maneira inmediata e con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2025 o financiamento, aportando 17 euros a hora e aumentando progresivamente esta cantidade para chegar os 20 euros a hora o próximo ano.
A viceportavoz nacionalista comezou a rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces trasladando de novo as condolencias do BNG ás familias das persoas falecidas no accidente ferroviario de Adamuz. “Compartimos a súa consternación e a dó colectivo que existe estes días no conxunto do Estado, especialmente en Andalucía”, dixo Rodil, reiterando así o “cariño e a solidariedade de todo o pobo galego” coas vítimas e o recoñecemento ao servizos de emerxencia e sanitarios que, dixo, “están o pé do canón desde o primeiro momento”.
“Nós que sufrimos en 2013 un accidente brutal como foi o de Angrois sabemos o duros que son estes momentos”, concluíu.