BNG centrará o Pleno no deterioro da sanidade e preguntará pola falta de medios para facer mamografías en Valdeorras

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil avanza que o Bloque defenderá a súa estratexia galega para adquirir 4.000 vivendas en cinco anos ademais de fomentar as novas construcións

Acusa o PP de buscar a quen botarlle a culpa en lugar de asumir responsabilidades e evitar que as cinzas dos incendios cheguen aos ríos

A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, anunciou que a situación crítica da sanidade pública centrará o Pleno da vindeira semana, ante a falta de persoal nos centros de atención continuada, o aumento das listas de espera ou a escaseza de pediatras por todo o País.

Pola vía de urxencia, a formación nacionalista preguntará ademais pola carencia de medios para realizar mamografías e ecografías de mama no Hospital de Valdeorras, o que, segundo Rodil, obriga a moitas mulleres a desprazarse ata Ourense, facendo tres horas no mellor dos casos, para someterse a unha proba esencial para a prevención e o diagnóstico do cancro de mama. O Bloque tamén levará á Cámara galega a falta de medios no centro de saúde e no PAC da Pobra do Caramiñal.

É por todo isto, e ante a cantidade de deficiencias do sistema público de saúde galego, que a portavoz nacional,  Ana Pontón, preguntaralle ao presidente da Xunta “cando vai tomar as medidas necesarias para rescatar a sanidade pública”.

Outro dos eixes do Pleno será a defensa dunha proposición non de lei para impulsar a Estratexia Galega de Adquisición Pública de Vivenda. O dereito a unha vivenda digna, xunto coa sanidade, “é unha das maiores preocupacións da cidadanía galega”, explicou Rodil, lembrando que a paralización da política pública de vivenda nos últimos 17 anos agravou a crise habitacional, impedindo a milleiros de persoas, especialmente á mocidade, acceder a unha casa en propiedade ou en alugueiro.

“Hoxe estamos pagando as consecuencias dos últimos anos do Goberno do Partido Popular na Xunta, cunhas cifras baixísimas en canto a vivenda pública propiedade da Xunta de Galiza”, lamentou, recalcando que o parque público da Administración galega apenas alcanza 3.800 unidades, un 0,3% do total, fronte a porcentaxes moito máis elevadas noutros países europeos,  que oscilan entre o 16% en Francia ou o 29% nos Países Baixos.

Diante deste escenario, O BNG propón, ademais de construír nova vivenda pública, que a Xunta aposte pola mobilización de vivenda xa construída para dar solucións á emerxencia habitacional a curto prazo. A estratexia nacionalista pasa por adquirir 4.000 vivendas en cinco anos, baseándose en criterios técnicos e obxectivos de selección dos inmobles, sempre pegados á realidade de cada cidade e vida do País e co obxectivo de que o impacto desas actuacións “poida contribuír a desenvolver modelos urbanos e sociais de máxima calidade”, apuntou.

O PP, botando balóns fóra coas consecuencias dos incendios

O BNG aproveitará a comparecencia da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que dará conta do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2025, para que explique o que aconteceu e como funcionou o servizo de extinción durante os incendios “máis virulentos que se recordan nos últimos tempos”.

Rodil subliñou que o BNG pedirá ademais contas sobre as consecuencias que tiveron os lumes sobre os espazos rurais, as explotacións gandeiras e forestais e para a vida das persoas. En concreto, preguntará pola xestión da Xunta para evitar a chegada da cinza dos incendios aos ríos, o que está provocando que concellos da zona de Valdeorras queden sen auga potable.

“Vemos unha vez máis o Goberno do Partido Popular buscando a quen botarlle a culpa  en vez de asumir as súas responsabilidades, porque o que había era que intervir sobre os espazos queimados antes de que comezase a chover, tal e como leva advertindo tanto tempo o BNG”, criticou Rodil.

Irregularidades no transporte público por estrada

Tras solicitar a comparecencia urxente do conselleiro de Presidencia e despois de ser vetada polo PP na Xunta de Portavoces,  o BNG interpelará a Diego Calvo para que renda contas sobre os problemas e irregularidades que se están a rexistrar no transporte público por estrada. Entre outros, xente obrigada a ir de pé no autobús incluso en tramos de autovía ou persoas usuarias que quedan en terra por decisións arbitrarias das concesionarias.  

Noutra interpelación, o BNG preguntaralle á conselleira de Política Social sobre a situación na que se atopan os centros de menores e os de persoas con discapacidade en Galiza, con especial atención ao persoal, que ten convocada unha folga o vindeiro 6 de novembro.

“Falamos de servizos sociais cuxa xestión está privatizada practicamente por completo e as traballadoras e traballadores sofren as consecuencias”, advertiu, engadindo que esa privatización tamén afecta á calidade coa que se presta o servizo.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG