BNG centra o vindeiro pleno no peche de Vestas, investigar o baleirado dos encoros e compensar a Galiza polo seu carácter produtor de enerxía

Olalla Rodil
Olalla Rodil
BNG pide unha comisión de investigación para  abordar as consecuencias do baleirado dos encoros e depurar responsabilidades nas empresas  nas eléctricas, Goberno do Estado e Xunta de Galiza

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que o BNG defenderá no vindeiro pleno no Parlamento galego entre os que salientou, o peche da empresa Vestas, crear unha comisión de investigación sobre as causas do baleirado dos encoros galegos polas eléctricas, Iberdrola e Naturgy e compensar a Galiza polo seu carácter produtor de enerxía ante a escalda histórica do prezo da luz.

Rodil lembrou que a empresa Vestas en Viveiro, produtora de aeroxeradores para a instalación de parques eólicos anunciou o seu peche para final de ano e  deixa sen emprego a 115 traballadores. Agora é Vestas, dixo, pero antes foron Siemens -Gamesa , nos seus  centros de operacións de Naturgy na Coruña  e Iberdrola en Valdeorras.

Para a deputada, resulta inconcibible que un país que produce electricidade “a esgalla” e  que exporta o 30% da electricidade continúe  ameazado de norte a sur e de leste a oeste por ducias de novos parques eólicos, mentres  pechan empresas vinculadas co sector e que anuncian a apertura de  centros de investigación e desenvolvemento en Portugal.

O vindeiro mércores, engadiu a nacionalista, os traballadores e traballadoras  traballadores de Lácoa deciden unha  folga e novas mobilizacións, tras dous anos  sen unha solución para a fábrica de aluminio en San Cibrao, entre outras s polo prezo da enerxía.  Para a deputada, estas son as consecuencias “dun modelo enerxético succionador, de espolio, que explota os recursos naturais galegos  para enriquecer o oligopolio eléctrico”, sen retorno económico para Galiza.  “A sangría industrial” que se esa a producir en Galiza, ten, en opinión da deputada, “un responsábel”, a Xunta de Galiza.

“Urxe un cambio de modelo que permita ás galegas e galegos beneficiarse da produción eléctrica de Galiza e garanta retorno económico e postos de traballo”. Neste sentido, asegurou que “hai alternativa” e o BNG aposta pola creación “dunha empresa galega e pública de enerxía” semellante ás que existen noutros país como a EDF en Francia, ENEL en Italia, Verbund en Austria ou Vattenfalle en Suecia ás que sumou as de Irlanda, Países Baixos, Suíza ou Alemaña.

Nesta liña, o BNG defenderá no vindeiro pleno unha Proposición non de lei para reformular o actual canon eólico para que grave a potencia instalada e substituílo progresivamente por un novo modelo de participación pública. Que a riqueza que xera Galiza reverta no desenvolvemento social e económico do país con  máis recursos económicos  para os servizos públicos e creación de emprego, así como vincular as novas instalacións de produción eléctrica a Plans de desenvolvemento industrial e valorar os  proxectos tendo  en conta a construción de compoñentes e subministros no noso país.

Comisión de investigación polo baleirado dos encoros

Rodil tamén aludiu á solicitude do BNG para crear unha Comisión de investigación co fin de analizar as causas, consecuencias e responsabilidades do abrupto baleirado de encoros e medidas de compensación.

É imprescindíbel, recalcou a deputada, investigar o que aconteceu, as consecuencias ambientais sobre os ríos, a fauna e  depurar responsabilidades  “na  empresa, no Goberno español como responsábel da bacía Miño-Sil e na Xunta porque estaba informada do baleirado e non fixo nada”.

Na quenda de preguntas de control ao goberno, a portavoz do BNG preguntará que medidas vai adoptar o presidente da Xunta de Galiza ante o Goberno do Estado para defender os intereses de Galiza, porque as “decisións que tomemos agora marcarán as próximas décadas e determinarán a posición de Galiza diante dos enormes retos que temos por diante”, explicou Rodil.

“A Xunta, recalcou a viceportavoz nacionalista,  en vez de buscar solucións ao peche de Alcoa San Cibrao e de Vestas; ao esfarelamento do sector naval en Vigo ou Ferrolterra; á suba da factura da luz … o único ao que se dedica é “a buscar a quen botarlle a culpa”.

Un presidente da Xunta que di non ter competencias é un presidente “incompetente, e un presidente inútil”  para  Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG