O deputado do BNG Ramón Fernández reprobou na Comisión de Economía a “raquítica execución” do orzamento destinado a programas de formación laboral destinados ás persoas traballadoras, tanto desempregadas como ocupadas. Segundo precisou, os datos oficiais apuntan que entre os anos 2019 e 2023 o Goberno do PP deixou sen gastar case 669 millóns de euros da cantidade prevista nos orzamentos a estes programas.
“Que a política do PP é un fracaso demóstrano tanto as vacantes que a patronal non é quen de cubrir como o baixo nivel de execución do orzamento que a Xunta destina a formación”, sostivo o deputado nacionalista, para quen o Goberno do PP está facendo destes fondos “un pandeiro”. Máis que ter un sistema eficaz, o que realmente lle preocupa, argumentou, é “que non se note moito que usa eses fondos para subvencionar empresas e que non ten idea de como facer para que a formación funcione”.
É por iso que o BNG propuxo, a través dunha proposición non de lei, que a Xunta convoque a Comisión Galega para a Formación Profesional Continua e constitúa as comisións sectoriais de formación e cualificación profesional —coa participación de Xunta, patronal o dos sindicatos máis representativos— para elaborar un novo catálogo de oferta formativo de ámbito galego e un mapa de necesidades formativas de cada un dos sectores estratéxicos do noso País.
Na defensa da iniciativa, rexeitada polo PP, detallou que no orzamento inicial deste 2025 hai tres programas especificamente destinados á formación e mellora da empregabilidade (o 322A, o 323A e o 323B) aos que se destinan case 223 millóns de euros e dos, entre 2019 e 2023 quedaron sen executar un 51,6 % no primeiro, un 47,8 % no segundo e un 22,63 % no terceiro. Datos que demostran que se trata dun problema recorrente ao que o PP non pon solución.
“A orixe destes fondos está nas cotizacións á Seguridade Social dos propios traballadores e traballadoras e están a ser desaproveitados dun xeito absolutamente irresponsable”, afirmou, subliñando, entre outras cuestións, que o fracaso na xestión dos fondos de formación queda patente na imposibilidade de cubrir vacantes e determinados perfís profesionais nalgunhas empresas.
Xunto á formación, insistiu na necesidade de mellorar as condicións de traballadores e traballadoras, apelando neste sentido ás competencias que ten o Executivo galego como autoridade laboral para regular e garantir a seguridade e a saúde das auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar, que estes días están a protagonizar folgas e mobilizacións pola precariedade na que teñen que desenvolver o seu traballo.