BNG celebra unha xornada de debate en relación á situación do galego, única lingua do Estado que perde falantes

Queremos Galego 2016
Queremos Galego 2016

O BNG celebra este sábado na Coruña unha xornada de análise e debate en torno á situación do galego, tendo en conta que é o único idioma do Estado que perde falantes tras doce anos de vixencia do chamado “decreto da vergoña”. Ademais dun decreto que converteu o galego en lingua de segunda no ensino, o Goberno do PP incumpre o Estatuto de autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o plan de normalización de 2004.

A carón dunha normativa que penaliza ó idioma do País, o Executivo do PP recortou nun 55% o investimento destinado á súa promoción, dando lugar a un retroceso que mostran os datos tanto da Real Academia Galega como IGE: os nenos e as nenas entran na escola falando galego e saen falando en castelán, de tal xeito que na primeira etapa educativa, na infantil, pérdese un 10% dos galegofalantes.

Un 23,9% da rapaces e rapaces entre os cinco e os 14 anos non saben expresarse en galego e o 30% non o saben escribir. O proceso de substitución do galego polo castelán xa se inicia na infancia e consolídase na adolescencia.

Para o BNG, o Goberno do PP coa súa política lingüicida estalle roubando ás novas xeracións a posibilidade de falar en galego, quitándolles a liberdade de falar en galego cunha política sistemática de ataque, menosprezo e abandono da nosa lingua.

Por exemplo, o decreto da vergoña, aprobado en maio de 2010, impón a prohibición de usar o galego para ensinar matemáticas, física, química ou tecnoloxía, materias que, en cambio, poden impartirse en francés, alemán, inglés ou castelán. Un disparate  que o PP pretende disfrazar de plurilingüísimo.

A xornada deste sábado, baixo o título Medre a lingua, será inaugurada pola portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz municipal da Coruña, Francisco Jorquera, e contará cun debate protagonizado pola portavoz parlamentaria de lingua cultura, Mercedes Queixas, e o lingüista, Xosé Ramón Freixeiro, moderado pola concelleira coruñesa Avia Veira.

Igualmente, se abordará no encontro experiencias a favor da lingua desde os concellos, coa participación de responsables municipais de Ames, Pontevedra e no caso de Rianxo o propio alcalde Adolfo Muíños.  Pecha a xornada de traballo e análise unha mesa de debate protagonizada por responsables e impulsoras de iniciativas sociais a favor da lingua.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG