Congreso

BNG celebra o desbloqueo na tramitación da Lei para a transferencia da AP-9 á Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Após a negociación do BNG na Lei de Mobilidade, Néstor Rego pon en valor o conseguido pola organización nacionalista

O BNG insta o resto de forzas a “non presentar emendas” ao texto para “non dilatar máis a súa tramitación” e “respectar o aprobado pola unanimidade da cámara galega”

O Bloque Nacionalista Galego celebra o desbloqueo na tramitación da Lei para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza, un paso adiante decisivo para facer efectivo un mandato unánime do Parlamento galego e avanzar na plena capacidade de decisión sobre as infraestruturas estratéxicas do país.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, salienta que este avance é resultado directo do traballo e da negociación constante da organización nacionalista, que vén reclamando desde hai anos que a xestión e titularidade da AP-9  se exerza desde a Galiza. “O desbloqueo desta lei é unha boa noticia para o país, froito da insistencia e do compromiso do BNG coa defensa dos intereses galegos” afirma Rego.

O deputado lembra que o acordo se produce despois da negociación do BNG no marco da Lei de Mobilidade, onde se conseguiu incluír un mecanismo para facilitar o traspaso da infraestrutura, “un logro que demostra que cando o BNG ten capacidade en Madrid para defender os intereses dos galegos e galegas, Galiza avanza”.

Así mesmo, o Bloque insta o resto das forzas políticas a non presentar emendas ao texto aprobado pola unanimidade do Parlamento de Galiza para evitar novas dilacións na tramitación e garantir que a transferencia poida aprobarse canto antes. “Non é momento de poñer paus nas rodas, senón de cumprir coa vontade unánime expresada polo Parlamento galego” subliña Rego.

“A transferencia da AP-9 é unha cuestión de xustiza e de sentido común. Supón devolver a Galiza o control dunha infraestrutura esencial para o seu desenvolvemento económico e social. Agora o Congreso ten a oportunidade de cumprir co que a Galiza leva anos reclamando” conclúe Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG