BNG avanza no Congreso para acabar coa grave inxustiza cos emigrantes retornados

Encontro emigrantes
Encontro emigrantes

Rego reúnese co colectivo e trasládalle os acordos comprometidos polo PSOE para rematar coa dobre imposición as dificultades para a homologación das cestificacións de discapacidade.

Prado pón en valor o traballo realizado polo BNG desde 2013: “nas institucións e na rúa e, sempre que tivemos oportunidade, puxemos enriba da mesa demandas do colectivo”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Prado, acompañados do portavoz da Plataforma de Emigrantes Retornados, Xosé Lois Leirós, manteñen un encontro co colectivo de emigrantes retornados para falar dos compromisos conseguidos pola organización nacionalista. Rego informa sobre a Proposición non de Lei (PNL) do BNG aprobada a semana pasada no Pleno do Congreso no sentido de pór fin á dobre imposición e o tratamento fiscal inxusto, así como ás dificultade para homologar as cualificacións de discapacidade, o que prexudica a millares de persoas na Galiza e no conxunto do Estado.

Pola súa parte, a deputada da organización no Parlamento de Galiza, Montse Prado, puxo en valor o labor desenvolvido polo BNG desde 2013, que traballou “man con man cos emigrantes retornados para parar a inxustificada e abusiva medida” anunciada pola Axencia Tributaria. “O BNG actuou nas institucións e na rúa e, sempre que tivemos oportunidade, puxemos enriba da mesa as súas demandas, sendo fieis ao compromiso adquirido” reivindica.

Néstor Rego, pola súa parte, comezou lembrando que ao comezo da lexislatura e durante a negociación da investidura, o BNG fixo asinar ao PSOE o compromiso de solucionar o grave e inxusto problema que atravesaban millares de emigrantes retornados no Estado español e, sobre todo, na Galiza. “Un dos puntos do acordo de investidura asinado comprometía o Goberno do Estado a adoptar todas as medidas para evitar que as prestacións recibidas desde o estranxeira sufriran unha dobre tributación” destaca Rego.

“Hoxe estamos máis preto que nunca de rematar con esta grave inxustiza despois de manter unha nova reunión de seguimento co Partido Socialista onde se comprometeron de maneira expresa a rematar coa discriminación fiscal que sofren” destaca o deputado. Así mesmo, a semana pasada no pleno da cámara baixa, aprobouse unha Proposición Non de Lei presentada polo BNG para proceder ás actuacións necesarias e impedir a dupla imposición e permitir o recoñecemento automático das certificacións de discapacidade para os efectos de deducións ou bonificacións fiscais en canto non é estabelecido  un sistema harmonizado en Europa.

“Cremos que este é un paso importante que permitirá rematar cos problemas da dobre imposición e ás dificultades para a homologación dos certificados de discapacidade doutros países, especialmente cos países da Unión Europea” destaca Néstor Rego. “O BNG cumpriu a súa parte do acordo, que era votar a favor na investidura de Pedro Sánchez. Agora tócalle ao PSOE cumprir a súa parte. Estaremos atentos, vixiantes e insistentes para que se cumpra en tempo e forma no que queda de lexislatura” conclúe o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG