O BNG asina en Barcelona a Declaración Llotja de Mar

Asinantes Llotja de Mar
Asinantes Llotja de Mar
“É unha chamada de atención diante da grave involución democrática do Estado español”, declara Lobeira
O BNG asina en Barcelona a Declaración Llotja de Mar

O BNG asinou hoxe en Barcelona a Declaración Llotja del Mar xunto con outras forzas soberanistas (Crida Nacional, CUP, Demòcrates, EH Bildu, Esquerra Republicana, Esquerra Valenciana, MÉS per Mallorca i MÉS per Menorca e PDeCAT-Junts per Catalunya), declaración que recolle a necesidade de alcanzar un acordo político na defensa dos seguintes puntos: o dereito á autodeterminación dos nosos respectivos pobos, o carácter democrático e pacífico de toda a nosa acción política, a liberdade dos presos políticos e o retorno dos exiliados, as liberdades civís e políticas e as políticas sociais e económicas que permitan o progreso dos nosos pobos.

A representación do Bloque estaba integrada polo coordinador da area de Organización, Bieito Lobeira; polo coordinador da area de Exteriores, Rubén Cela, e pola vice-coordinadora de Comunicación, Olalla Rodil.

Olalla Rodil e Bieito Lobeira“A declaración é unha chamada de atención diante da grave involución democrática do Estado español. O que acontece en Cataluña non é simplemente un problema nacional ou territorial, como se di moitas veces, senón un problema de dereitos democráticos, mostra a incapacidade do Estado español para actuar desde o diálogo democrático, a súa única resposta é a represiva", indicou Lobeira.

"Todas as organizacións que asinamos entendemos que unha situación coma esta esixe unidade de acción para a denuncia e tamén para a defensa das liberdades, os dereitos e o recoñecemento democrático dos nosos pobos. O BNG estivo, está e estará sempre nesa posición", recalcou o responsable de Organización.

Pola súa parte, Olalla Rodil declarou: "non pode ser que en España existan grupos que fan apoloxía da ditadura franquista, que se poidan exhibir bandeiras franquistas, que vexamos un acto vergoñento coma o de onte no Val dos Caídos e que non pase nada, que a xustiza, a política e os medios miren para outro lado, e que en cambio se reprima a quen desde o pacifismo e a defensa da democracia e as liberdades traballa para que o seu pobo poida decidir".

 

DESCARGA: