xerais 2023

BNG aproba unhas candidaturas de “país” para facer valer Galiza encabezadas por Néstor Rego, Daniel Castro, Noa Presas e Carme da Silva

Executiva nacional
Executiva nacional

As listas inclúen de número dous a Rosa Pérez pola Coruña, Cristina López, Lugo; Eugenio Quintas, Ourense e Brais Rúanova por Pontevedra

Pontón: “O BNG é a garantía de ter voz propia en Madrid para defender Galiza e para frear un goberno da dereita coa extrema dereita antigalega”

O Consello Nacional deu luz verde ás candidaturas do BNG ás eleccións xerais do 23 de xullo, unhas listas de “país” que combinan renovación xeracional con experiencia e traballo acreditado no Congreso, candidaturas que na Coruña lidera Néstor Rego, Daniel Castro por Lugo, Noa Presas por Ourense e Carme da Silva por Pontevedra.

Ao até agora deputado na Cámara baixa pola provincia da Coruña sigue como número dous Rosana Pérez,  actual portavoz parlamentaria de pesca que xa representou ao BNG no Congreso na X Lexislatura. En Lugo, a número dous é María Cristina López, concelleira da Area de participación no goberno local da cidade no pasado mandato, nunha candidatura que encabeza Daniel Castro, o deputado máis novo do Parlamento galego, onde exerce como portavoz de deportes, novas tecnoloxías e ante a Valedoría do Pobo.

En Ourense, ao lado da deputada e portavoz de Enerxía, Noa Presas, ocupa o número dous, Eugenio Quintás, médico no Hospital de Verín e concelleiro nese municipio; mentres que pola provincia de Pontevedra Carme da Silva, concelleira no goberno de Lores e membro da Executiva Nacional, encabeza unha candidatura na que figura como número dous Brais Ruanova, responsable de organización en Vigo.

Consello Nacional
Consello Nacional

As candidaturas recollen unha representación plural e diversa da sociedade galega, tanto desde un punto de vista territorial, xeracional, como profesional, con nomes destacados como o escritor Suso de Toro ou o director da Mostra de teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.

En canto á candidatura ao Senado, destacan entre outros, os nomes da ex alcaldesa de Melide, Socorro García Cea pola Coruña; o crítico literario Ramón Nicolás, por Pontevedra; por Lugo a activista da sanidade pública Montse Porteiro e por Ourense o ex-alcalde de Castrelo de Miño Xurxo Rodríguez.

“Imos a por todas cunhas candidaturas de país porque o noso obxectivo é defender Galiza, facer valer Galiza, darlle unha voz forte a nosa nación para facernos escoitar ante o Estado”, sintetizou Pontón. A portavoz nacional subliñou que sobran os motivos para coller a papeleta do BNG o próximo 23 de xullo pero sintetizou as dúas grandes motivacións para optar polo Bloque.

“Para que Galiza teña voz propia en Madrid e para frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista, e antigalega”, recalcou Pontón que, en consecuencia, convoca á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Galiza, sabendo que o BNG é a garantía de defensa do País e para parar a dereita en alianza coa extrema dereita”.

Pontón destacou que o Bloque está “preparado” para volver facer historia o 23X, cun BNG á alza que non deixa de sumar apoios. “Unha vez máis saímos a gañar, coa máxima ambición e confianza e cun obxectivo claro: conseguir un grupo galego forte en Madrid”, destacou, para que Galiza “teña máis peso político, máis voz propia e máis forza ante o Estado para defender os nosos intereses en Madrid como xa fan vascos e cataláns con forzas nacionalistas con grupos fortes que lles permite condicionar a política estatal para mellorar a vida dos seus pobos”, alegou.

Un só deputado do BNG conseguiu máis para Galiza que os 23 restantes

Coas mans libres

A líder nacionalista destacou que o BNG é a única forza coas mans libres para defender Galiza e que demostrou con feitos a súa utilidade fronte a inutilidade das sucursais do PP e do PSOE: “Un só deputado do BNG conseguiu máis para Galiza que os 23 restantes e aí está a rebaixa histórica das peaxes da AP9, da que cada día se beneficien 20.000 galegos e galegas”, recalcou.

“Demostramos con feitos que pelexamos por avanzar en dereitos e liberdades, tanto para Galiza como para o conxunto da cidadanía do Estado. O BNG sempre está do lado da maioría social, da clase traballadora: como cando defendemos a derrogación íntegra da reforma laboral do PP ou da Lei Mordaza”, indicou a modo de exemplos.

“Demostramos que o nacionalismo galego é sinónimo de políticas para as maiorías e en clave de País, realizando da man do noso deputado Néstor Rego un traballo intenso, no que nada importante para Galiza nos foi alleo, tanto desde unha perspectiva nacional como social”, subliñou. Neste sentido, o Bloque no Congreso deulle voz aos sectores produtivos; puxo na axenda as necesidades en infraestruturas, serviu para denunciar o espolio eólico ou a discriminación nos investimentos do Estado.

Pero tamén reclamou medidas sociais contra a crise de prezos, defendeu un modelo enerxético a favor da maioría social, puxo sobre a mesa a débeda en dependencia e pelexou para mellorar os dereitos sociais como o aumento das pensións e recuperar a idade de xubilación aos 65 ou o incremento do SMI.

Máis liberdades e dereitos

“En definitiva, o traballo do BNG no Congreso demostrou que somos unha forza útil para facer valer os nosos intereses ante o Goberno do Estado, capaz de darlle a este País voz en Madrid e sempre a favor da maioría social, porque somos incansables na defensa de máis dereitos, máis liberdades e máis benestar”, recalcou na súa intervención ante o Consello Nacional.

Pontón advertiu do risco de reducir o debate electoral ao bipartidismo de sempre, “cos anteollos reducionistas do centralismo”, -criticou-, pero o 23 de xullo “vai de Galiza, vai de ter voz propia para que se nos escoite, vai de ter peso político, vai de defender Galiza e esa é razón de ser das candidaturas de País que aprobamos hoxe”, alegou.

No obxectivo de defender Galiza, o BNG será “ambicioso e esixente”, como fixo estes catro anos, “demostrando que o noso apoio non é un cheque en branco, demostrando que non somos a muleta de ninguén, senón a forza e a voz de Galiza en Madrid e demostrando que para ter o noso voto hai que cumprir con Galiza, cos galegos e cas galegas”, concluíu.

 

_______

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG