O BNG aposta por unha renegociación directa das cotas pesqueiras galegas tras a saída do Reino Unido da UE

Encontro ARVI
Encontro ARVI

Ana Miranda subliña que Ana Pontón é a capitana que necesita Galiza para liderar o sector pesqueiro

Néstor Rego considera imprescindible contar cun estudo sobre as consecuencias do Brexit

Xabier Pérez critica que o Porto careza dos documentos que delimiten os espazos e usos portuarios e dun plan estratéxico

Unha delegación do BNG integrada pola súa portavoz en Europa, Ana Miranda, o deputado no Congreso, Néstor Rego, a exdeputada Olaia Fernández e o portavoz municipal, Xabier Pérez, mantivo hoxe un encontro coa directiva da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) –encabezada polo seu presidente, Javier Touza-, nas instalacións portuarias da cidade olívica. Coñecer as principais inquedanzas do sector pesqueiro vigués, en especial en relación ao impacto do Brexit, é o principal obxectivo da reunión, pero tamén trasladarlle a postura do BNG e o seu compromiso cun sector prioritario no desenvolvemento económico de Galiza.

A respecto das inquedanzas do sector pesqueiro, Ana Miranda fixo especial mención a competencia desleal que se pode producir se o Reino Unido abre mercados e non se acepta unha negociación das empresas galegas con capital mixto ou ben coas cotas sobrantes que poderían quedar dun Estado Membro. A este problema súmase a obriga de desembarco, a inspección transfronteiriza e as consecuencias que ten nos mercados, en tanto que os produtos galegos sofren “controis leoninos mentres outras frotas se lles está deixando pasar con menos requisitos”.

Encontro ARVINegociación directa

Diante desta situación, Miranda subliñou que o BNG ten “a capitana dun barco que podería liderar este país, que podería facer da pesca galega unha defensa ardua nun goberno galego”, en tanto que o BNG sempre mantivo unha defensa firme do sector pesqueiro galego. Para a portavoz do Bloque en Europa, o fortalecemento deste sector “só pasa se hai quen lidere no goberno galego unha nación pesqueira directamente”, tendo en conta que Galiza é un territorio altamente dependente da pesca. “Hai que ir a Bruxelas a pedir, como fai Escocia, negociación directa”, salienta Miranda, “e non ir alí simplemente a ollar como está indo a consellería e o goberno galego”.

Neste sentido, Néstor Rego apuntou que precisamente o Brexit ademais de implicar ameazas tamén permite oportunidades, “como a de cuestionar o principio de estabilidade relativa e por tanto de renegociar tax e cotas para que a pesca galega poida ter unha perspectiva de futuro”. O deputado nacionalista salientou ademais que considera imprescindible que se elabore “un estudo rigoroso” do impacto socioeconómico do Brexit sobre a nosa frota pesqueira.

“Imos preocuparnos por que haxa tamén seguranza xurídica para as frotas que pescan en augas británicas ou en Malvinas a través de empresas mixtas ou con pavillón británico. Entendemos que ten que haber un esforzo especial para que poida haber unha continuidade da actividade e evidentemente entendemos que a frota galega ten que saír dese corsé e limitación das cotas que a prexudicaron gravemente até agora”, explicou, ao tempo que salientou a disposición do Bloque no Congreso co sector pesqueiro para defender os seus intereses. “Nesa liña entendemos que esta reunión ten que ter continuidade cun diálogo permanente co sector de forma que entre todos sexamos capaces de manter o pulso e a actividade da nosa frota e en concreto o que atinxe á cidade”, dixo ao respecto.

Execución dos fondos europeos

Ana Miranda sinalou que existe outro problema grave a respecto do sector pesqueiro, coo é o uso dos fondos europeos, en tanto que a execución do fondo marítimo de pesca no caso galego é moi baixa comparativamente con outros estados. “A consellería non só non os está executando, senón que está facendo grandes investimentos e que non van directamente á frota, senón a temas especulativos”, explicou neste sentido, en referencia aos realizados pola Xunta de Obras do Porto “e que o BNG xa ten denunciado en diversas ocasións”, engadiu, incluso trasladándoos á Comisión Europea.

Ao respecto, Xabier Pérez Igrexas manifestou a preocupación do Bloque pola “dupla liña de actuación moi perigosa”, da Autoridade Portuaria, en tanto que ao seu xuízo, por unha banda, no ámbito industrial a súa única obsesión é acabar con Vulcano e facelo desaparecer definitivamente, “mais logo vemos como a segunda obsesión é cementar a ría de Vigo nese proxecto de novos aterramentos, falamos de máis de 65.000 metros cadrados, sen ningún tipo de xustificación e sen ningún tipo de necesidade”.

O portavoz municipal do BNG explicou que o problema do Porto radica en que carece de dous documentos fundamentais, como é a delimitación de espazos e de usos portuarios e dun plan estratéxico. “Sen estes dous documentos, López Veiga, que goberna o porto como se fora a súa finca particular, a única proposta que ten que facer en relación á actividade portuaria é cementar para aparcar máis vehículos de Citroen poñer dificultades a recuperación do sector naval”, sinalou. Pola contra, destacou que o BNG defende a constitución dunha mesa local do mar na que haxa unha representación de todos os sectores implicados na actividade portuaria, incluído tamén a actividade pesqueira, onde se estableza unha estratexia de cidade que permita un desenvolvemento ordenado e racional, que permita o aproveitamento das enormes potencialidades en termos produtivos que ten o porto, “pero tamén que reconcilie o porto coa cidade”, engadiu.

“Non podemos permitir que unha política estatal que vire as costas ao sector pesqueiro galego acabe por dinamitar unha actividade económica moi importante para Vigo nun momento en que atravesamos unha importante crise produtiva noutros ámbitos, como é a actividade industrial e o sector naval. Para nós é fundamental blindar, apuntalar e reforzar a actividade pesqueira”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG