Galegas 2020

O BNG aposta polo GALTREN para conectar e vertebrar o interior do país

Estación de Monforte de Lemos
Estación de Monforte de Lemos

Presas: “Comprometémonos a rematar co illamento en materia ferroviaria que ten o interior deste país”

A formación nacionalista aposta por medios de transporte colectivos e sostíbeis co medio ambiente, en detrimento do uso do coche particular

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, e a cabeza de lista da formación por Lugo, Olalla Rodil, reuníronse en Monforte de Lemos para reivindicar un tren galego de proximidade que permita conectar o territorio. As candidatas do BNG destacaron o abandono do interior por parte da Xunta de Galiza durante estes once anos e animaron á cidadanía a apostar por un cambio político galego que reverta esta situación.

Por unha banda, Noa Presas desprazouse nun vehículo particular desde Ourense pola imposibilidade de poder acudir á xuntanza noutro medio de transporte. Pola contra, a candidata por Lugo, Olalla Rodil, puido acudir en transporte ferroviario. Ambas as dúas destacaron o abandono e as deficiencias que posuían as liñas ferroviarias do interior do pais, incidindo no compromiso do BNG de que Lugo e Ourense “poidan ter unha conexión adecuada”. Non só entre as cidades senón que tamén permita a conexión coas vilas máis grandes do resto de comarcas.

“Desde o BNG comprometémonos a rematar co illamento en materia ferroviaria que ten o interior deste país. A partir do próximo 12X reclamaremos as competencias en materia ferroviaria para que por fin poidamos ter un tren galego de proximidade” sinalou a candidata do BNG, Noa Presas, durante a súa intervención. Para a formación nacionalista “é indispensable” poder conectar as principais vilas xa que “o GALTREN permitirá vertebrar o noso país, que conecte Ourense coas demais cidades e tamén coas vilas do resto de comarcas”.

A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil, indicou que Monforte de Lemos “é un exemplo do desmantelamento dos servizos ferroviarios do noso país”. Afirmou que Lugo é a única circunscrición que continúa coa maior parte da vía sen electrificar. “Temos un sistema ferroviario propio do século XIX. Precisamos a modernización da vía e de mobilidade que aproxime ás propias cidadás do noso país” reivindicou Rodil.

“Corrixiremos as deficiencias que ten este medio de transporte e apostaremos por este medio que é sostíbel, ecolóxico e debe ser fomentado diante do coche particular” coincidiron ambas as dúas candidatas.

Conexións en Ourense

Así mesmo, a candidata por Ourense volveu criticar a cancelación do tren-hotel que conecta, non só ao país con Barcelona senón tamén ás propias veciñas da circunscrición ourensá. “Reclamaremos a corrección de situacións inxustas como que neste momento aínda o tren-hotel nocturno continúe sen funcionar” recalcou Presas. Esta situación, para a formación nacionalista está xerando graves problemas, sobre todo na poboación do Ourense oriental na comarca de Valdeorras.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG