BNG aposta por unha planificación eólica asentada en criterios de equilibrio e racionalidade

Acto Oza-Cesuras
Acto Oza-Cesuras

Rego reitera nun acto en Oza-Cesuras o compromiso do BNG en defensa dos intereses das galegas e galegos frente a invasión eólica que as compañías eléctricas -co amparo do goberno galego e estatal- pretenden levar a cabo.

Anuncia o rexistro de emendas na tramitación do RDLei como proxecto para evitar que se elimine a participación cidadá nos procesos de autorización e tramitación dos parques eólicos e avanzar nun modelo que respecte o patrimonio natural, cultural e que non agrida o territorio

O deputado no Congreso, Néstor Rego, e a concelleira da organización nacionalista en Oza-Cesuras, Estefanía Busto, participan nun acto público no concello coruñés para trasladar o traballo que está a realizar BNG para frear a invasión eólica na Galiza. A frente nacionalista destaca o acordo alcanzado co Goberno durante a convalidación do RDLei 6/2022 para recuperar na tramitación dos proxectos eólicos o proceso de alegacións e a participación da cidadanía, así como a necesidade de Declaración de Impacto Ambiental. Formula a necesidade de paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación para elaborar, conxuntamente coa Xunta de Galiza, unha planificación eólica asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibro.

A finais do mes de marzo o Goberno do Estado aprobou un Real Decreto que agochaba dous artigos que eliminaban a posibilidade de participación pública nas autorizacións de parques eólicos de até 75 Mw e que permite prescindir da Declaración de Impacto Ambiental. “No momento da súa convalidación, o BNG logrou presionar o Goberno que se viu forzado a aceptar a súa tramitación como proxecto de lei e o compromiso de modificar o seu contido” puntualiza Rego.

Ademais da supresión dos artigos, o BNG partillou, a súa vontade de presentar emendas ao texto que promova a revisión completa do actual modelo de implantación eólica e sente unhas bases realmente sustentábeis e respectuosas co medio e a poboación. “É fundamental lexislar para que non sexan as empresas, atendendo aos seus intereses privados, as que decidan onde queren implantarse; debe ser a administración a que decida en que zonas e condicións se instalen, garantindo que sexa en zonas sen afectación a vivendas, patrimonio histórico ou natural, terras agrarias e forestais ou a plataforma continental galega no caso da eólica mariña” subliña o deputado nacionalista.

Neste sentido, a organización política defende a necesidade de paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación para, en colaboración coa Xunta de Galiza e respectando as súas competencias propias na materia, realizar unha valoración conxunta do desenvolvemento eólico para unha planificación adecuada e coordinada do mesmo. “Demandamos unha planificación asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal” reivindica o deputado nacionalista.

“A Xunta acaba de dar informe negativo a 65 parques eólicos que se tramitan ante o Ministerio de Transición Ecolóxica, moitos deles implantados en Rede Natura e fora das áreas de implantación eólica, unha mostra da falta de planificación por parte do Goberno e de que as localizacións só obedecen aos intereses das compañías” remarca Rego, “é preciso que se respecten as competencias galegas nesta materia e agardamos que o Ministerio non siga adiante con estes expedientes dados os evidentes danos para o patrimonio e as persoas que suporía a súa instalación”.

O deputado do BNG salienta que é necesaria unha mudanza de modelo, pois “non podemos permitir a grave afectación que a implantación de todos os proxectos actualmente en trámite ou previstos terá no noso País, hai  que protexer as persoas, o medio e o patrimonio. Esa garantía non pode ser eliminada para maior lucro das grandes compañías eléctricas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG