xerais 2023

BNG aposta por impulsar a viticultura como sector estratéxico en Valdeorras

Xosé Carballido, Noa Presas e María Albert
Xosé Carballido, Noa Presas e María Albert

“Este 23X tamén nos xogamos blindar ou recortar os servizos públicos. Nós sempre apostamos por amplialos” sinala Presas ante a falta de profesionais de hematoloxía no Hospital de Valdeorras

“O voto ao BNG é dobre: serve para defender os intereses de Valdeorras e para parar a dereita. Queremos facer historia sacando por primeira vez representación nacionalista por Ourense” afirma

A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, asiste a inauguración da XXIV Feira do Viño de Valdeorras para mostrar o apoio da organización nacionalista con este sector de gran importancia na comarca. Presas sinala que a viticultura debe funcionar como motor económico de Valdeorras –alén de actuar como colaborador na xestión do territorio- mais que as administracións públicas tamén deben “estabelecer ´servizos suficientes para a cidadanía” así como as infraestruturas necesarias que posibiliten o desenvolvemento socioeconómico do territorio.

Na inauguración da Feira do Viño a cabeza de lista estivo acompañada polo candidato ao Senado, Xosé Carballido Presas, a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, o responsábel comarcal do BNG, Roberto Quiroga, así como de simpatizantes e militantes da organización nacionalista.

“Nuns días cumprirase un ano do lume de Carballeda de Valdeorras onde, entre outras cousas, se puido ver como as viñas actuaban de cortalume natural que mesmo protexeu moitas vivendas do lume” sinala a cabeza de lista do BNG ao Congreso. En opinión de Presas, o sector vitivinícola cumpre unha función medio ambiental moi importante e mesmo o considera colaborador na xestión do territorio.

Mais, así mesmo, Noa Presas entende que o sector vitivinícola “debe ser un sector forte na comarca de Valdeorras e debe actuar como motor económico”. Segundo os datos, este é o segundo sector da comarca –despois da lousa- mais a viticultura é o sector máis puxante e con máis proxección de futuro.

Frear a dereita e blindar os servizos públicos

“Este 23 de xullo tamén nos xogamos blindar e aumentar os servizos públicos ou recortalos. Nós sempre apostamos pola primeira” explica a cabeza de lista do BNG. Neste sentido, critica a falta de profesionais de hematoloxía no Hospital Comarcal de Valdeorras. Unha decisión, continúa, que obedece a folla de ruta marcada polo Partido Popular de privatizar a sanidade.

Neste sentido, a cabeza de lista explica que o voto ao BNG nestes comicios electorais é un voto que vale dobre: “o voto ao BNG servirá para defender os intereses da comarca de Valdeorras, para introducilos na axenda política e solucionar as carencias e deficiencias –sobre todo no déficit de infraestruturas- que o bipartidismo clásico provocou, mais tamén serve para parar a dereita e blindar os servizos públicos” finda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG