BNG apoia as demandas para a xubilación do persoal dos sectores sanitario e sociosanitario aos 60 anos

Encontro sindicatos sanidade
Encontro sindicatos sanidade

Néstor Rego comprométese a traballar para que, de maneira inmediata, o Goberno recoñeza a xubilación anticipada aos 63 anos, ao igual que teñen recoñecido todas as persoas traballadoras de calquera dos réximes da SS, mais sen penalización e, durante esta lexislatura, avanzar para estabelecer o dereito á xubilación aos 60

O BNG, xunto con outras forzas políticas, mantén unha reunión con CIG, ELA, LAB e Intersindical catalá para escoitar as demandas do sector sanitario e sociosanitario

O Bloque Nacionalista Galego recolle as demandas formuladas polos sindicatos CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá e comprométese a traballar para que se recoñeza ao persoal sanitario e sociosanitario o dereito á xubilación aos 60 anos sen penalización tanto do ámbito público como privado. Así mesmo, defende a necesidade de abrir un proceso negociador para a modificación da lei para facilitar a xubilación e exixe un xiro na planificación sanitaria, até o de agora, baseada en recortar persoal, suprimir postos de traballo e privatizar o sistema sanitario.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén unha reunión, xunto con representantes doutras organizacións políticas con delegados dos sindicatos soberanistas CIG, ELA, LAB e Intersindical catalá. Durante a xuntanza, as organizacións sindicais solicitaron o apoio dos grupos para a iniciativa que están a promover para que o Goberno do Estado artelle a xubilación do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios aos sesenta anos. CIG, ELA, LAB e Intersindical catalá reclaman o recoñecemento, neste 2022, do dereito á xubilación aos 63 anos, ao igual que xa teñen recoñecido o resto de persoas traballadoras, e sen penalización, e aos 60 nesta lexislatura.

“Durante a pandemia puidemos comprobar o importante labor que desenvolve o persoal sanitario e sociosanitario. A pesar de que nos últimos dez anos existiu unha nefasta planificación sanitaria a través do recorte de persoal, a supresión de postos de traballo e mesmo a privatización dos servizos públicos” explica o deputado do BNG. Unha situación á que se lle suma ter cadros de persoal cunha media de idade moi alta -máis de 50 anos- e con condicións penosas para o desempeño da súa actividade.

En opinión do deputado nacionalista, o que están a solicitar as organizacións sindicais -CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá-  “é unha reivindicación xusta para o persoal sanitario e sociosanitario”. Esta medida só precisa da aprobación dun Real Decreto que modifique a Lei 40/2007 e “permita ao persoal sanitario e dos sectores sociosanitarios, que teñan os períodos e requisitos de cotización recollidos na norma, xubilarse aos 63 anos sen as penalizacións que marca a actual lexislación e percibir o complemento de xénero”.

 Alén do máis, Néstor Rego comprométese a traballar para que, nesta lexislatura, se recoñeza o dereito á xubilación aos 60 anos destes sectores, tanto no ámbito público como privado, e vinculalo á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros. “Isto depende de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal” finda o deputado do BNG.

Compromiso da frente nacionalista coas demandas do sector

Cabe lembrar que o Bloque Nacionalista Galego xa ten presentadas varias iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado recoñeza os dereitos ao persoal sanitario e sociosanitario, como o dereito á xubilación parcial e anticipada, igual que acontece no resto de administracións. “Non é de recibo que as traballadoras e traballadores da sanidade, persoas que dedican a súa vida a coidar da saúde do conxunto da poboación, non teñan recoñecidos os mesmos dereitos” afirma Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG