BNG amosa a súa solidariedade co Pobo Saharaui e critica a traizón do goberno estatal

BNG Asemblea ALE apoio Sáhara
BNG Asemblea ALE apoio Sáhara
Ana Miranda, Rubén Cela e David Mochales participan na Asemblea da Alianza Libre Europea, que defende o dereito de autodeterminación

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela; e David Mochales, en representación de Galiza Nova, reiteraron a solidariedade do BNG co Pobo Saharaui no inicio da Asemblea da Alianza Libre Europea (ALE), -o partido político europeo ao que pertence o BNG-, que se celebra nas Palmas, co partido Nueva Canarias como anfitrión.

O acto inicial da Asemblea, centrado no dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental, contou coa participación de Fatma Mehdi, ministra de Cooperación do goberno saharaui; Alien Kentaoui Ali, embaixador da RASD en Suecia; Carmelo Ramírez, ministro rexional de Cooperación Institucional e Solidariedade Internacional de Gran Canaria; o eurodeputado Pernando Barrena; la activista saharaui, Ghalia Djimie; e a activista e avogada saharaui Loueila Sid Ahmed Ndiaye.

"Comezamos a Asemblea Xeral da ALE coa cuestión do Sáhara Occidental para denunciar a traizón e abandono do Estado e da UE ao Pobo Saharaui”, salienta Ana Miranda, quen lembrou as sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo que cuestionan a ocupación de Marrocos e a usurpación de recursos do Sáhara Occidental coa complicidade das potencias europeas.

Ao respecto, a portavoz do BNG en Europa salienta que precisamente un dos sinais de identidade da ALE é a solidariedade cos pobos oprimidos, entre os que o saharaui é un claro exemplo, “traizoado unha e outra vez polo goberno estatal”. “É un erro que o goberno español non asuma a necesidade de cumprir as resolucións da ONU sobre o Sáhara Occidental”, sinala Miranda.

Na xornada de hoxe a delegación do BNG que participa na Asemblea da ALE manterá un encontro bilateral con Nueva Canarias, co vicepresidente de Canarias Román Rodríguez, así como Unión del Pueblo Canario (UPC), que concorreu ás eleccións europeas no marco da coalición Agora Repúblicas.

49 partidos de toda Europa

Son un total de 49 partidos procedentes de toda Europa os que se dan cita do 12 ao 14 de maio nas Palmas para celebrar a súa Asemblea anual como integrantes da Alianza Libre Europea. Nas xornadas de traballo debaterase sobre diversas cuestións de actualidade, como a descentralización dos estados ou o transporte sostible. Neste sentido, trataranse mocións sobre as que o Bloque presentou as súas propostas, como a situación dos refuxiados en Europa, a seguranza marítima e o Sáhara Occidental. No marco da Asemblea xeral celebrarase tamén o Forum de Mulleres, así como a xuntanza das fundacións da ALE Mocidade. Por outro lado, o BNG presentará a súa candidatura para entrar na Executiva (Bureau) da ALE.

A Alianza Libre Europea, creada en 1981 por 8 partidos, traballa para facer da idea dunha “Europa dos Pobos” unha realidade política e cultural a nivel europeo e internacional. Na actualidade reúne a 49 partidos nacionalistas, rexionalistas e autonomistas de toda a Unión Europea, que representan a nacións sen Estado, novos Estados emerxentes, e minorías europeas. Centra a súa actividade na promoción do dereito á libre determinación dos pobos, os dereitos humanos, civís e políticos, así como a diversidade cultural e lingüística.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG