BNG amosa o seu compromiso coas bandas de música populares galegas e reclamará á Xunta a declaración BIC do seu legado

Enconto bandas de música
Enconto bandas de música
Mercedes Queixas destaca o grande arraigo e achega das formacións musicais á cultura galega
BNG amosa o seu compromiso coas bandas de música populares galegas e reclamará á Xunta a declaración BIC do seu legado

Tras o encontro con representantes da Federación de Bandas de música populares, a portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas destacou o valor da expresión cultural e de grande arraigo na cultura galega destas agrupacións.

Queixas anunciou que o BNG instará á Xunta a “incoar o expediente para a  declaración BIC” das bandas galegas así como o reforzo das distintas formacións que nutren de un gran número de músicos e músicas profesionais ás orquestras de todo o mundo.

Para a nacionalista, as bandas galegas populares representan “a expresión máis visible e vital da cultura galega” ademais de contar cun  fortísimo arraigo social. Resultaría moi difícil, dixo, pensar na nosa cultura galega sen as bandas de música populares. As bandas de música, engadiu, están presentes en todo o territorio galego e debemos poñer en valor a súa orixe vinculada ao asociacionismo cultural de base moitas das veces asociada “ao voluntarismo e altruísmo”.

Queixas remarcou que son máis de 7.000 músicos e músicas federadas ás que hai que sumar a todos aqueles e aquelas que non forman parte da federación. Por outra parte, lembrou que máis do 70% dos músicos e músicas teñen menos de trinta anos,” infancia e mocidade que está participando da formación e interpretación musical dende as bandas de música populares”.

Para o BNG, afirmou, as bandas son un acontecemento cultural “cunha dimensión única” e cunha arraigada presencia no medio rural e nas pequenas vilas que axudan a cohesionar a sociedade e o territorio achegando a formación musical a unha gran parte de persoas, “unha función democratizadora” que permiten o acceso á formación e experiencia cultural ao conxunto da poboación sen  limitación de espazo e tempo.

 Algunhas bandas superan os 180 anos de existencia e todas construíron  e están a construír un “inmenso patrimonio cultural inmaterial”. As bandas populares de música   deben ser “atendidas, promovidas  coidadas e protexidas”, de aí a necesidade de instar á Xunta a formalizar “un compromiso firme” para potencialas fomentando a formación e interpretación musical, achegando recursos económicos para o “estudo, catalogo e dixitalización dos repertorios musicais”, ampliando os circuítos de difusión e visibilidade.

Nesta liña, anunciou a nacionalista, instaremos á Xunta a  incoar o  expediente de declaración de Ben de Interese Cultural, BIC do patrimonio inmaterial que acumulan as bandas de música populares galegas.

Pola súa parte, o presidente da Federación , Iván  Estévez explicou  que a Federación de bandas de música populares galegas acolle a 95 asociacións e a máis de 7.000 músicos e músicas federados. Estévez incidiu nas dificultades das asociación durante a pandemia e a necesidade de darlle “pulo e recoñecemento ás bandas”. O presidente da Federación fixo fincapé no aspecto cultural das formacións musicais ao que sumou o número de postos de traballo que xeran as agrupacións musicais.
BNG amosa o seu compromiso coas bandas de música populares galegas e reclamará á Xunta a declaración BIC do seu legado