A portavoz de Mar do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, criticou con dureza na Comisión 8.ª de Pesca e Marisqueo a intención de manter como punto de vertido de materiais de dragado a zona situada xunto á illa de Sálvora, coñecida como E8, que funcionou entre 1998 e 2021 sen avaliacións ambientais transparentes.
Pérez lembrou que tanto o sector marisqueiro da ría de Pontevedra coma o da ría de Arousa rexeitaron de maneira unánime a utilización deste punto, advertindo do grave impacto que pode ter sobre os bancos marisqueiros e sobre un espazo natural de alto valor ecolóxico, situado en plena zona protexida. “A ría de Arousa necesita medidas de recuperación, non novas cargas contaminantes”, afirmou.
O BNG advertiu que o recente informe do CEDEX e a avaliación da Subdirección Xeral de Biodiversidade coinciden en manter practicamente o mesmo punto de vertido, ignorando tanto o acordo unánime do Parlamento galego de xuño de 2019, que exixía alternativas fóra das rías, como o principio de precaución.
Na súa iniciativa rexistrada na Comisión, o BNG reclamou á Xunta que explique se existe algún seguimento ambiental real sobre os vertidos realizados en Sálvora desde 1998, cales foron as alternativas que asegurou ter remitido a Madrid e se chegou a constituír a prometida mesa de traballo co sector, anunciada en 2021.
“O PP mudou de posición segundo lle conveña, pero nós mantemos a mesma: non ás rías galegas como vertedoiro de toneladas de sedimentos contaminados”, concluíu Rosana Pérez, que instou o Goberno galego a garantir que os dragados se xestionen fóra das rías e con solucións respectuosas co medio mariño e co sector pesqueiro.