parlamento galego

BNG alerta do incremento dos delitos de odio en Galiza e pide medidas ao goberno contra as agresións a persoas LGBT

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira demandou  educación afectivo-sexual nos centros de ensino e garantir a seguridade e benestar das persoas LGBT

A deputada do BNG, Iria Carreira interpelou á conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade ante o “incremento dos delitos de odio en Galiza e demandou medidas ao goberno contra as agresións a persoas LGBT”.

Neste sentido, preguntou que actuacións está a desenvolver a Xunta e como se implantarán os plans de formación para o persoal das administracións como recolle a lei do ano 2014.

Por outro lado, Carreira, tamén se interesou por coñecer as medidas vixentes  deseñadas pola Xunta de Galiza para traballar a educación afectivo-sexual nos centros de ensino,  os materiais de divulgación existentes nos centros de ensino galegos e se o goberno considera que son suficientes.

No debate da interpelación, a deputada fixo fincapé na necesidade de garantir “a seguridade e benestar das persoas LGBT”.

O próximo luns, lembrou,  cómprense  dous anos do asasinato de Samuel Luíz na rúa da Coruña. O último que escoitou Samuel mentres sufría unha brutal malleira que rematou por quitarlle a vida foi que lle  berraban “maricón, maricón de merda”.

En Galiza medran as agresión ao colectivo LGBT

Os datos do Ministerio do Interior publicados no ano  2021 reflicten 466 incidentes relacionados coa LGBTfobia no estado  e os delitos relacionados coa orientación sexual ou a identidade de xénero son os que máis aumentan: “máis do 67% con respecto a dous anos antes”. Nese mesmo ano en  Galiza, recalcou a deputada, foron rexistradas  “23 infraccións penais por  delitos de odio, das que resultaron “nove detencións e 19 feitos esclarecidos”.

 observatorio Coruñés contra a LGBTfobia complementa esta análise, porque recolle tamén casos que non computan como delito de odio ou que non chegan a denunciarse ante as forzas e corpos de seguridade. Este Observatorio rexistrou en 2022, 68 episodios de odio, dos cales 58 son consideradas agresións directas contra a comunidade LGBT: verbais, físico-verbais, acoso e agresións sexuais, e concorda co sinalado polos datos do Ministerio do Interior, pois cifrou “o incremento das agresións LGBTfóbicas nun 71% na Galiza”.

Informe do Consello da Cultura Galega sobre a diversidade en Galiza

A semana pasada, explicou a deputada do BNG foi presentado  o informe elaborado polo Foro de Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega para o “Análise, datos e recomendacións no recoñecemento da diversidade en Galiza”. O informe salienta, entre outros aspectos que: “o O 88% das entidades e colectivos LGBT galegos non considera que os centros educativos sexan espazos seguros para as persoas LGBT”. O 64,5 % do alumnado de secundaria nas clases de Educación Física presenciou comportamentos “homofóbicos entre estudantes e sufriuno en primeira persoa nalgunha ocasión”.

Nas violencias LGBTfóbicas, ao igual que ocorre  coa violencia machista, dáse a particularidade de que o fogar e a familia, en moitos casos, non son un espazo seguro. De feito, arredor do 40 % destas violencias son cometidas por persoas da propia familia.

Dende o BNG ao igual que apunta o informe, dixo Carreira, defendemos unha  actualización lexislativa, pero sobre todo, “ políticas que melloren a formación de todos os axentes públicos, e non a un curso non presencial para explicar  definicións básicas. Precisamos  “máis ferramentas, máis implicación e máis empatía”, recalcou

Ademais, advertiu  que  “estamos ante  discursos de odio  que medran e se reproducen nas redes sociais, nos medios de comunicación, e mesmo son secundados por representantes públicos”. Discursos de odio que un sector está deixando de combater para comezar a tolerar e incluso a alentar. Discursos de odio que non recoñecen algúns dos dereitos máis básicos do colectivo LGBT como está a suceder a día de hoxe coas mulleres trans e a grandísima transfobia que están a soportar.

Que case a metade da LGBTfobia que recibe unha persoa sexa no ámbito familiar, nas súas propias casas e  pola súa propia familia preocúpanos así como o trato que reciben tras presentar unha denuncia en comisaria ou  no sistema sanitario  ao seren rexistrados en protocolos  que recollen a orientación sexual como factor de risco nun posible  contaxio dunha  infección de transmisión sexual.

Cales foron as ensinanzas aprendidas e as actuacións acometidas despois  do asasinato  Samuel a berros de “maricón”, concluíu a nacionalista.

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG