A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Carreira, denunciou a “situación límite” que atravesa a atención primaria galega, unha realidade que, ao seu xuízo, non é froito do azar senón de “decisións políticas conscientes” dos sucesivos gobernos do Partido Popular na Xunta de Galiza nos últimos 17 anos. Carreira sinalou que este período acumula un recorte de máis de 1.600 millóns de euros en atención primaria, cun incremento orzamentario do 21% fronte a unha inflación do 39%, datos ratificados polo Consello de Contas.
A nacionalista subliñou que Galiza é unha das comunidades que menos inviste neste nivel asistencial, cun 12% do gasto sanitario fronte ao 14% de media estatal, lonxe da recomendación da OMS. Pero o problema central, segundo o BNG, é o “déficit de persoal grave e severo”, con vacantes que alcanzan o 24% en medicina de familia, o 37% en pediatría, o 26% en enfermaría e o 32% no persoal de servizos xerais (PSX), unha categoría que agrupa a preto de 2.500 traballadoras e traballadores dos servizos administrativos e de celadoría na atención primaria.
Carreira denunciou que os PSX son “unha das categorías máis maltratadas e invisibilizadas”, cunhas condicións laborais obsoletas, espazos físicos inadecuados (como o centro de saúde de Santa Comba, onde tres persoas asumen carga de cinco), ratios arbitrarias e un sistema retributivo non actualizado. Ademais, criticou a “ningunear” constante por parte da Xunta, poñendo como exemplos a implantación do novo aplicativo SIGAP-MANS —comunicado por correo o mesmo día da súa entrada en vigor, sen formación previa e coñecido colapso— e a apertura dos PACs en sábado pola mañá na área de Santiago, decidida na véspera de días festivos e que xerou “caos, esperas innecesarias e sobrecarga laboral”.
“Vostedes escúsanse na escaseza de médicos como unha praga bíblica, pero non din que máis da metade dos especialistas formados aquí marchan, nin explican por que teñen un 32% de vacantes nos PSX”, lamentou a deputada, quen preguntou directamente á conselleira: “Que ten previsto facer coa categoría do persoal de servizos xerais? Que medidas van adoptar para mellorar as condicións de traballo e resolver esta taxa tan grave de vacantes?”.
O BNG insta a Xunta a responsabilizarse das súas decisións e a poñer en marcha un plan urxente que inclúa a redución da temporalidade, a mellora das ratios e das condicións físicas e retributivas, así como unha formación e planificación real dos cambios organizativos. “A atención primaria funciona en equipo, e sen o persoal de servizos xerais, administrativos e celadores, o sistema colapsa”, concluíu Carreira.