BNG alerta da liña eléctrica que afecta ao Mosteiro de Bergondo e pide o seu soterramento

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas pide soterrar a parte da liña máis próxima ao mosteiro, Ben de Interese Cultural (BIC,) como reclamou a moción do BNG aprobada por unanimidade no Pleno municipal
BNG alerta da liña eléctrica que afecta ao Mosteiro de Bergondo e pide o seu soterramento

A portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas reclamou o soterramento da liña eléctrica que pasa pola zona máis próxima do Mosteiro de Bergondo,(BIC) como xa demandou no propio concello o BNG a través dunha moción aprobada por unanimidade.

A deputada formulou varias preguntas ao goberno sobre a inconveniencia do paso da liña eléctrica preto do ben patrimonial  e criticou que a persoa encargada de responder as preguntas formuladas polo BNG, non fora a directora de patrimonio e no seu lugar comparecerá Paula Uría, Directora xeral de Planificación enerxética e Recursos Naturais.

Mercedes Queixas destacou a grande beleza do mosteiro “afeada pola  liña eléctrica de alta tensión” que ademais, engadiu atravesa varias parcelas da veciñanza do lugar   restando  singularidade e valor a zona. A nacionalista insistiu na necesidade de tomar medidas para  reverter esta situación, “anómala”.

Dadas as características dun ben como o Mosteiro de Bergondo desde o BNG, dixo, solicitamos no Pleno municipal que se negociara coa empresa propietaria da  liña eléctrica realizar un soterramento parcial na parte máis próxima a este ben patrimonial para mitigar o seu impacto. A moción do grupo do BNG para demandar este soterramento, recalcou,  foi aprobada por unanimidade polo Pleno municipal.

A empresa propietaria da liña respondeu á solicitude do concello solicitando que a administración se faga cargo do custo do estudo do soterramento da liña – 5.000 euros-  que terían que ser aboados á empresa propietaria con cartos públicos.

A deputada do BNG remarcou que o  Mosteiro de Bergondo é un dos principais bens patrimoniais e turísticos deste concello. Está documentada a súa existencia dende o ano 1138, pasando por varios procesos de restauración, reforma e ampliación e conta  ademais coa singularidade de tres portadas, en lugar das dúas habituais.

“Este antigo convento beneditino, debido as súas singularidades foi declarado monumento histórico artístico nacional polo Estado no ano 1973”.

Polas súas inmediacións transcorre ademais o “Camiño Mariñán” de peregriñaxe a Santiago de Compostela, “aínda non oficializado”, que parte do porto de Fontán, en Sada, e transcorre polo municipio de Bergondo e polo veciño concello de Betanzos.

 

 

A nacionalista preguntou á responsable de Planificación enerxética se a Consellería ten constancia da existencia da liña eléctrica ao seu paso polo mosteiro de Bergondo, e se vai asumir o estudo para o seu soterramento.

 

Por outro lado, tamén preguntou que accións propón o  goberno galego para evitar a actual degradación da contorna do Mosteiro de Bergondo polo impacto desta liña de alta tensión, así como a protección do propio ben patrimonial, atendendo ademais á súa proximidade ao Camiño mariñán.

 

Neste sentido, tamén se interesou  pola fase do Camiño mariñán despois de ser anunciado o seu estudo pola Xunta o pasado mes de decembro.

BNG alerta da liña eléctrica que afecta ao Mosteiro de Bergondo e pide o seu soterramento