congreso

BNG alerta da intención do Goberno de suprimir 16 oficinas de Correos na Galiza e exixe rectificar

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego denuncia que o plan de Correos castiga o rural galego e pon en risco o Servizo Postal Público Universal

O Bloque Nacionalista Galego alerta da intención do Goberno do Estado de avanzar no fechamento de até 16 oficinas de Correos na Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifícao como un “novo golpe ao servizo postal público e unha agresión directa ao rural galego” e reclama ao executivo que rectifique de inmediato os recortes recollidos no documento interno de Correos “Cambios Operativos. Nova Segmentación e Plan de Ordenación”.

Segundo explica Rego, este plan introduce criterios que penalizan especialmente as poboacións rurais e os concellos máis pequenos, ao limitar a existencia de oficinas postais aos municipios con máis de 3.500 habitantes e permitir que nas zonas de baixa densidade a distancia até a oficina máis próxima poida chegar aos 20 quilómetros. “Nun país como a Galiza, coa maior dispersión poboacional do Estado, esta medida supón na práctica deixar a millares de persoas sen acceso real ao servizo postal” advirte.

“Correos avanza para un modelo exclusivamente urbano e abandona a súa función como servizo público”

O deputado nacionalista subliña que o cadro de “Ordenamento da Rede” confirma que a Galiza é unha das zonas máis prexudicadas, consolidando unha política de desmantelamento progresivo de Correos que se vén realizando xa nos últimos anos mediante a redución de persoal, de horarios de atención ao público e de recursos, especialmente no ámbito rural. “O que se presenta como unha optimización non é máis que o fechamento de oficinas e a perda de emprego público, mentres se avanza cara un modelo de servizo postal exclusivamente urbano, pensado para as grandes cidades” sinala.

Rego tamén denuncia que Correos pretenda xustificar estes recortes coa caída dos envíos tradicionais para priorizar a diversificación do negocio, centrada fundamentalmente na comercialización de seguros privados de AXA, aproveitando a súa condición de Servizo de Interese Económico Xeral. “É absolutamente incoherente que se fechen oficinas e se obrigue ao persoal a vender seguros privados cando a prioridade debería ser garantir un servizo postal público, accesíbel e de calidade” afirma.

Do mesmo xeito, o deputado BNG alerta de que a implantación de proxectos como o denominado PUDO, baseado en puntos de recollida en comercios ou estancos, supón un paso máis na substitución da rede pública de oficinas por modelos alleos ao servizo postal universal, con menos oficinas, menos persoal e menos reparto.

Ante a proposta do executivo, Néstor Rego exixe que se paralice calquera plan de fechamento de oficinas de Correos na Galiza, que modifique os criterios de segmentación que discriminan o rural e os concellos con menor poboación e que aposte decididamente polo mantemento e reforzo da rede pública postal, garantindo o persoal e os recursos necesarios para cumprir co Servizo Postal Universal en todo o territorio.

O deputado do BNG advirte que, a pesar a prórroga até 2030 da condición de Correos como operador designado, “con estes plans será imposíbel cumprir esa obriga legal e social, especialmente nun país como a Galiza”.

“O futuro de Correos non pasa por fechar oficinas nin por converter o persoal en vendedores de seguros, senón por reforzar o servizo público e garantir a igualdade de dereitos da cidadanía viva onde viva” sentenza con rotundidade Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG