BNG afea a inacción da Xunta na crise de Thenaisie e esíxelle que actúe para impulsar un proxecto que asegure o seu futuro

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado reclama ao Goberno galego que exerza como tal facendo uso das súas competencias para garantir a viabilidade da conserveira

A deputada nacionalista Montserrat Prado recriminou no pleno do Parlamento galego a inacción da Xunta ante a situación na que se atopa a conserveira Thenaisie e reclamoulle que, no canto de agardar proxectos que garanten a súa viabilidade, “se poña a traballar para, non esperar, senón impulsar un proxecto que asegure o futuro” dunha empresa con 125 empregos directos (entre a planta do Grove e a loxística situada en Mos) e 200 postos temporais para a realización das campañas puntuais, ademais de todos os indirectos que xera coa súa actividade. 

Prado explicou que a situación de Thenaisie “non ten ningunha xustificación” ao contar con modernas instalacións, un cadro de persoal experimentado e formar parte dun sector á alza como é o conserveiro, polo que asegurou que a “viabilidade da empresa” parece evidente dado que, pese ao concurso de acredores e a atoparse en fase de liquidación, os e as traballadoras “seguen traballando e cobrando en prazo”.

Nunha pregunta parlamentaria, a deputada nacionalista cuestionou as xestións realizadas polo Goberno do PP para garantir a viabilidade da conserveira e do emprego e advertiu de que a situación é límite e “o tempo vaise esgotando”. “A día de hoxe a empresa está en fase de liquidación, co temor de que se vexa abocada a terminar de subasta, sen que se teñan coñecido actuacións por parte da Xunta para salvar a empresa”, reprochou.

Neste sentido, reclamou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía que deixe de “botar balóns fóra” e “exerzan como Goberno porque Thenaisie está en tempo de desconto”, logo de recordarlle que o Executivo galego ten competencias en política industrial, en emprego e en política pesqueira. “O que lle pedimos é que as exerza e presente unha solución”, reclamou, para a continuación recalcar que a obriga da Xunta é “remangarse para garantir a continuidade da actividade produtiva e dos postos de traballo”.

“É capaz de explicar como existindo unha firma con instalacións modernas, un cadro de persoal capaz e experimentado, nun sector á alza como o da conserva e habendo propostas empresariais, a Xunta non estea volcada en sacar adiante esta empresa?”, preguntou ao vicepresidente segundo, para concluír a continuación que urxe que o Executivo galego busque solucións para non permitir a perda de tecido empresarial nun sector estratéxico como é o complexo mar-industria.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG