BNG afea ao PP votar en contra da suba das pensións

“Se algo se lle pode criticar á proposta do Goberno é que aínda está por debaixo do IPC real, mais ao PP todo o que sexa unha suba de máis de 0,25% xa lle parece un exceso”, sinala Rego.

O deputado nacionalista expresa o seu pesar do BNG ás vítimas e familiares dos sinistros ferroviarios de Adamuz e Barcelona e espera que, á diferenza de Angrois, haxa unha investigación independente

“Máis unha vez, a xustiza colócase a carón dos poderosos” afirma Rego após a sentenza da Audiencia da Coruña que exime Cortabitarte polo accidente de Angrois e expresa solidariedade coas familias das vítimas

O Bloque Nacionalista Galego vota a favor da convalidación dos dous RD-l sobre as medidas do Escudo Social e os abonos de transporte e convida o executivo a non caer na propaganda e nas medidas tintas e levar a cabo medidas valentes e permanentes. Néstor Rego critica que o PP votase en contra e tombase o RDL que subía as pensións, co que prexudican millares de galegos e galegas.

“Se algo se lle pode criticar á proposta do Goberno é que aínda está por debaixo do IPC real, mais ao PP todo o que sexa unha suba de máis de 0,25% xa lle parece un exceso”, sinala Rego, que tacha de antisocial  e antigalega a posición dos populares, que impide a suba das pensións ou a protección contra desafiuzamentos sen alternativa habitacional.

“Hai que revalorizar as pensións mais hai que facelo en base ao IPC real interanual; é de xustiza que as persoas con menos ingresos poidan garantir servizos esenciais en 2026 e sempre mais tamén é preciso garantir emprego e salarios dignos, a comezar por un SMI que se sitúe en 60% do Salario Medio; é necesario prohibir desafiuzamentos para persoas en vulnerabilidade mais é imprescindíbel actuar para garantir vivenda digna para todo o mundo” reivindica Rego durante a súa intervención.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mostra o pesar do BNG e a súa solidariedade coas vítimas e familiares dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Barcelona e agarda que, á diferenza do acontecido co accidente de Angrois, haxa unha verdadeira investigación independente e xustiza.

“Quero expresar todo o pesar do BNG e a súa solidariedade coas vítimas e familiares dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Barcelona. Agardamos que o sinistro de Adamuz sexa tratado con xustiza e haxa unha verdadeira investigación” comeza Rego a súa intervención, quen lembra que os galegos e galegas coñecen perfectamente o que implica que un accidente non sexa investigado adecuadamente nin asumidas responsabilidades.

“O feito de seren tratados de forma inxusta por parte das administracións -enfatiza Rego- e mesmo que existise un “pacto de silencio” entre as forzas políticas do bipartidismo para ocultar as responsabilidades compartidas, sumou dor á dor provocada pola traxedia e a perda; por iso expreso a solidariedade, mais unha vez, coas familias das vítimas de Angrois que veñen de sufrir un novo mazazo coa absolución de Cortabitarte, o único cargo de ADIF condenado polo accidente”. En canto á sentenza da Audiencia da Coruña, o deputado denuncia que “máis unha vez, a xustiza colócase do lado dos poderosos”.

Aliás, no debate sobre os abonos do transporte, o deputado nacionalista instou o executivo a apostar decididamente polo ferrocarril na Galiza. “O BNG reclama a implantación do servizo de proximidade ferroviaria: que mude a mobilidade urbana actual e que remate cunha discriminación histórica ao carecer deste tipo de servizos” exixe Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG