BNG advirte que a falta de solucións do Goberno do PP mantén o colapso sanitario na área de Pontevedra-O Salnés

Montse Prado
Montse Prado
Prado denuncia a “precariedade de persoal por mor dos recortes do PP” en todos os PAC da área sanitaria, con problemas na atención de enfermidades crónicas, pediatría e “consecuencias letais” para a cidadanía

BNG recriminoulle á Consellería de Sanidade a precariedade e situación de emerxencia na que se atopan os PAC da área sanitaria Pontevedra – O Salnés por mor dos recortes do Executivo do PP.

Montse Prado, portavoz de Sanidade, denunciou a “situación inaceptable de permanente alarma sanitaria” dunha área que volvía quedar sen médico en concellos como Sanxenxo, O Grove, Marín, A Parda, Baltar, Vilagarcía ou Marín na fin de semana do 15 e do 16 de outubro. Neste sentido, advertiu de que o PAC do Grove quedou sen médico o pasado 22 e o domingo 23 non houbo persoal médico no Grove, Baltar e Sanxenxo, “unha desatención absoluta á cidadanía e uns servizos de urxencia colapsados que ten consecuencias letais para a veciñanza”, recriminou.

A deputada do BNG reprobou as “mentiras dun PP que cada vez cren menos galegas e galegos” e criticou que, en vez de contratar a novos facultativos e facultativas, o que fai o Executivo dos Populares “é converter o persoal eventual en fixo e vendelo como se fora un aumento do cadro de persoal”, denunciou.

A situación de “colapso sanitario” por mor da escaseza de persoal sanitario, advertiu Prado, xa afecta aos colectivos máis vulnerables, como as nenas e nenos e as persoas de idade avanzada ou con doenzas crónicas. “Non ter pediatra implica que haxa nenas e nenos sen os controis de saúde recomendados e sen a vacinación cando lles toca no calendario”, recriminoulle a un PP “cuxa política de atención sanitaria depende da conta corrente e non da necesidade”.

Prado concluíu advertindo á Consellería de Sanidade PP do “clamor social que está dicindo basta xa a esta precariedade de persoal por mor dos recortes” e emprazouno a “rectificar” cun maior orzamento para a sanidade pública e a ampliación do cadro de persoal dos servizos médicos, propostas que se atoparon coa negativa do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG