Durante a sesión plenaria celebrada esta semana, a portavoz de cultura do Bloque Nacionalistas Galego, Mercedes Queixas, denunciou os graves riscos que o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei supón para o Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade.
Mercedes Queixas cuestiounou ao goberno do PP se este coñecía a declaración de impacto ambiental do proxecto e se podía garantir que a instalación industrial é compatible coa conservación da paisaxe cultural do Camiño. "Son moitas as voces que pensan que Altri é un perigo para o Camiño de Santiago, e hai razóns obxectivas para isto", afirmou.
A deputada recordou que o Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO inclúe entre os perigos para os sitios Patrimonio da Humanidade os "proxectos de desenvolvemento industrial de grande envergadura" e a "contaminación", e cuestionou se a Xunta avaliou estes riscos. Ademais, preguntou se a UNESCO foi informada destes perigos e se se solicitou un informe a ICOMOS España, órgano asesor da UNESCO. "Xa o pedimos nós ao abeiro do artigo 9, e non recibimos nada", denunciou.
O impacto visual e paisaxístico está en perigo. Queixas destacou o forte impacto visual das instalacións de Altri, con estruturas como a cheminea central de 75 metros ou a caldeira de biomasa de 50 metros. Criticou as medidas propostas para minimizar este impacto, como o uso de cores grises e pantallas vexetais, cualificándoas de "toda unha política de pantalla". "Esta paisaxe degradada é a que veñen buscar peregrinos e turistas ao Camiño?", preguntou.
A deputada nacionalista cuestionou os informes técnicos da Xunta, recordando casos anteriores como o parque eólico de Sasdónigas ou a liña de alta tensión no Castro Lupario, anulados pola xustiza por afectaren á paisaxe cultural do Camiño. "Van seguir a pór pedras no Camiño Francés?", preguntou. Tamén mencionou o informe do Consello da Cultura Galega, que critica que o estudo de impacto social trata o patrimonio cultural "como un conxunto de elementos illados". "Lémbrollo por se non o leu", dixo dirixíndose ao conselleiro, e engadiu: "Respeten o patrimonio cultural".
"Están dispostos a protexer o Camiño de Santiago ou vai actuar como conselleiro delegado de Altri?". O BNG defende o Camiño como un proxecto estratéxico de país, tanto patrimonial como económico, e advirte do perigo que supoñería a instalación dunha macrocelulosa para a súa protección como Patrimonio da Humanidade.